Pasar al contenido principal
STG

Inaugúrase en Lugo o cuarto curso de especialista en Seguridade Social

A cuarta edición do curso de especialista en Seguridade Social que se impartirá no campus de Lugo inaugurarase este xoves 14 ás 18:30 horas nun acto que se celebrará no Salón de Actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais.
O catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, Javier Gárate Castro, será o encargado de impartir a conferencia inaugural, na que analizará os retos e tendencias da Seguridade Social na sociedade actual.
Ao acto asistirán a directora do curso e profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, Lourdes Mella; o director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan Carlos González Santín; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez; e representantes da Consellaría de Traballo.
Contido do cursoAs clases do curso de especialista en Seguridade Social comezarán este venres 15 e desenvolveranse os xoves e venres ata o vindeiro 25 de xuño en horario de 16:00 a 21:00 horas, sumando un total de 205 horas nas que se contempla unha parte teórica e outra práctica.
Profesores das tres universidades galegas, maxistrados, inspectores e funcionarios das entidades xestoras faranse cargo destas clases, nas que se abordará a evolución histórica e a xestión da Seguridade Social, os actos de encadramento e réxime económico, os réximes especiais, a seguridade social internacional e comunitaria ou a tutela administrativa e xudicial.
Con esta acción formativa, organizada pola USC, a Consellaría de Traballo, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Instituto Nacional da Seguridade Social e o Instituto Social da Mariña, preténdese formar aos asistentes na materia de Seguridade Social dun xeito extensivo para que poidan desenvolverse con seguridade na súa actividade profesional, ben por conta propia ou allea.
O curso está dirixido pola profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, Lourdes Mella, e coordinado polo profesor titular de Dereito da Seguridade Social e Prácticas da Seguridade Social na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo, Antonio García Rojo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.01.2010.