Pasar al contenido principal
STG

A construción da nova sede do Museo de Historia Natural da USC entra na fase final

O reitor Juan Casares e o presidente do Consorcio de Santiago atenderon na mesma obra aos medios de comunicación
O reitor Juan Casares e o presidente do Consorcio de Santiago atenderon na mesma obra aos medios de comunicación
O reitor da USC e o presidente do Consorcio de Santiago visitaron as obras

A nova sede do Museo de Historial Natural da USC atópase na última fase da súa construción, cuxa finalización está previsto que remate no primeiro trimestre do próximo ano 2011, segundo se puxo de manifesto na visita realizada este xoves polo reitor Juan Casares e o presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Baixo a dirección do arquitecto César Portela, o novo edificio vén completar a urbanización e os equipamentos culturais da Finca de Vista Alegre. Cunha superficie total de 4.252 metros cadrados, o arquitecto César Portela establece unha semellanza entre o conxunto de cubos que conforman o edificio e un animal vivo “que se despraza sobre mil patas, encolléndose e estirándose”. A Universidade de Santiago encargarase da xestión do museo e do seu programa museográfico coa vontade de fortalecer o posicionamento de Santiago de Compostela como cidade do coñecemento. Deste xeito, a nova sede do Museo permitirá que a cidadanía compostelá se familiarice coa ciencia e tecnoloxía, “promovendo o necesario diálogo entre ciencia e sociedade”, sinalaron na visita desta mañá. Na súa dimensión divulgativa, o Museo de Historia Natural será un transmisor directo do saber científico xerado pola institución universitaria cara toda a sociedade. Para logralo, no proxecto expositivo sobre o que se está a traballar cominaranse a mostra permanente con exposición temporais que potencien a faceta didáctica e o emprego das novas tecnoloxías. Ademais, o Museo sumará no seu novo emprazamento un espazo de investigación e outro pedagóxico para acollida de grupos e de escolares. Por áreas, ofrecerá un panorama global sobre a biodiversidade e a xeodiversidade con especial atención ao mundo mariño e a Galicia. Os fondos do Museo Na actualidade, os fondos da colección permanecen no soto da Facultade de Química e conforman o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, sendo continuador do Gabinete de Historia Natural que no curso 1840-41 creara Antonio Casares na USC. A través das coleccións do Museo, os visitantes poden facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos dos últimos dous séculos. A calidade e cantidade destes fondos museísticos permitirá o establecemento dun centro de referencia no que respecta ao patrimonio científico, recollendo os resultados da ciencia concreta que se realizou dentro e fóra de Galicia a través de científicos galegos durante o XIX e o XX. Actividades

Cunha vocación claramente didáctica e investigadora, polo centro pasan máis de vinte mil estudantes de todos os niveis do ensino ao longo do curso académico. Son especialmente numerosas as visitas de alumnos de Primaria e Secundaria, procedentes dos máis diversos lugares de Galicia, ás que se engaden aquelas chegadas dende centros escolares de zonas limítrofes, como Portugal, León e Asturias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2010.