Seminario en Farmacia sobre o proceso de aprendizaxe baseado en problemas
A Facultade de Farmacia e a Fundación Dr. Antonio Esteve organizan un seminario sobre Aprendizaxe Baseado en Problemas (ABP) que se dirixe ao persoal docente e investigador. Trátase dunha metodoloxía de aprendizaxe coherente coas directivas da creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e coa formulación da Declaración de Bolonia.
A metodoloxía ABP busca que o proceso de ensinanza-aprendizaxe facilite o desenvolvemento de competencias tales que os estudantes sexan máis autónomos en xestionar a súa aprendizaxe. O proceso pon énfase nunha aprendizaxe autodirixida onde o estudantado é o protagonista e non un receptor pasivo da ensinanza impartida polo profesor.
A inauguración da xornada celebrarase este martes 4 na Facultade de Farmacia a partir das 9:00 nun acto que presidirá o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló e no que tamén estarán presentes, o decano do centro, Juan José Torres Lavandeira; e o director da Fundación, Fèlix Bosch Llonch.
Este seminario desenvolverase de forma intensiva en xornada de mañá e tarde impartido por Luis A. Branda, actualmente responsable dos procesos de innovación que se están introducindo na Facultade de Medicina da Universitat de Girona, e por Rosa María Torrens.