Expertos internacionais en lingüística de corpus inician este xoves un encontro en Filoloxía
A Facultade de Filoloxía da USC reunirá este xoves 8 e o venres 9 aos integrantes do proxecto RedeCorpus ao redor dun seminario sobre lingüística de corpus. RedeCorpus é unha iniciativa na que participan nove grupos de investigación das tres universidades galegas. A inauguración do encontro celebrarase este xoves 8 a partir das 9:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía nun acto que presidirá o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García, e ao que tamén está prevista a asistencia do secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo; o decano do centro compostelán, Ernesto González; e o coordinador do seminario, Guillermo Rojo. No desenvolvemento do programa do encontro participan destacados especialistas como Dominique Longrée, da Université de Liège; Mark Davies, da Brigham Young University; Sebastian Hoffmann, da Universität Trier; Chritisane Fellbaum, da Princeton University; Amaya Mendikoetxea, da Autónoma de Madrid; e Christian Mair, da Albert-Ludwigs-Universität Freiburg. RedeCorpus A lingüística de corpus está considerada a metodoloxía de análise máis estendida na actualidade. As posibilidades informáticas facilitan a consulta de grandes conxuntos textuais compostos por centos ou mesmo milleiros de millóns de formas o que, segundo Guillermo Rojo, “pon á ciencia lingüística nunha situación sen precedentes no seu devir histórico”. A enorme cantidade de documentación existente na rede “obriga a desenvolver técnicas de análise que permitan procesar toda esa información” explica o profesor Rojo subliñando que esta situación converte aos corpus textuais nunha ferramenta para “o estudo de calquera lingua, ademais dun recurso para someter a proba hipóteses formuladas acerca do funcionamento das linguas, a súa evolución, a súa aprendizaxe, entre outras moitas”. O acceso a grandes cantidades de textos e as posibilidades para procesalos fixo que, en consonancia con tendencias da comunidade científica internacional, varios grupos do Sistema Universitario Galego (SUG) que dedican parte da súa actividade investigadora a construír corpus de diferentes tipos, en diferentes linguas e con diversos propósitos, formen esta Rede de traballo conxunto.
Na denominada Rede Corpusconflúen nove grupos de investigación galegos que traballan en lingüística de corpus dende diversas perspectivas (sincrónica, diacrónica, centrada na variación, ...), con textos de distinta natureza (fundamentalmente escritos, pero tamén orais) e finalidades diferentes (corpus de referencia, corpus de aprendizaxe, ,,.), tanto con linguas vivas (inglés, galego, español) como con linguas xa desaparecidas e coñecidas en diferentes graos como latín e grego por unha banda e hitita pola outra.