A primeira promoción do Máster en Dirección de Empresas presenta os seus proxectos en Lugo
Once alumnos da primeira promoción do Máster en Dirección de Empresas que este ano académico se impartiu por primeira vez na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, coordinado pola profesora Belén Bande Vilela, presentarán os seus proxectos a vindeira semana. As exposicións desenvolveranse no Salón de Graos da facultade luguesa o luns 19 e martes 20 en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o xoves 22 dende as 16:00 ata as 19:00 horas.
Estes traballos son resultado da estadía de dous meses dos estudantes en recoñecidas empresas nacionais de diferentes sectores, dende o alimenticio ata o de seguros ou a banca. Entre os proxectos que se van presentar figuran algúns que simulan a creación de empresas, como unha veterinaria e outra de produción e distribución de mel ecolóxica. Nova matrícula O prazo de matrícula para cursar a segunda edición do curso de posgrao en Dirección de Empresas está aberto ata o vindeiro 10 de setembro. Este máster, que se imparte de xeito simultáneo nos campus de Santiago e Lugo, trátase do primeiro MBA en Galicia de carácter público e permite obter unha titulación oficialmente recoñecida a nivel europeo e adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). O obxectivo deste curso é que os matriculados adquiran coñecementos avanzados en dirección de empresas así como a capacidade de aplicalos á vez que desenvolven habilidades directivas. Todo isto mediante unha metodoloxía participativa, de análise de casos, resolución de exercicios, debates sobre lecturas de interese e desenvolvemento e presentación de traballos. Este máster diríxese principalmente a titulados en Administración e Dirección de Empresas, Economía, Enxeñaría e Dereito, así como graduados doutras titulacións que queiran desenvolver a súa carreira profesional no mundo empresarial, ou profesionais vinculados ao ámbito da dirección de empresas que desexen actualizar os seus coñecementos e mellorar as súas competencias. O programa do curso está orientado a numerosas saídas profesionais, entre outras a dirección de empresas, planificación e dirección estratéxica, organización de empresas, dirección nas distintas áreas funcionais, xestión de operacións, consultora, asesoramento ou creación de empresarial.