Un estudo dá as claves para diferenciar o diagnóstico de menores interactivos e con dislexia
A tendencia a ter condutas pouco eficaces é propia de menores que teñen hiperactividade, pero non de menores con dislexia. Así se desprende da tese 'Estudio comparativo de las funciones ejecutivas y de la atención sostenida en el TDAH y Dislexia', que a alumna da USC María del Carmen Ferreiro Vilasante defendeu hai uns días na Facultade de Psicoloxía e que servirá de axuda para diferenciar o diagnóstico de ambas patoloxías. O obxectivo principal da tese, dirixida pola directora da Unidade de Atención Temperá da USC María José Buceta Cancela, foi comparar diferentes aspectos das funcións executivas e da atención sostida en menores diagnosticados con dislexia fronte a menores diagnosticados de Trastorno por Déficit de Atención por Hiperactividade (TDAH), tratando de identificar con iso a posible existencia de perfiles diferenciais. Características comúns E é que, como explica a investigadora, durante a avaliación e intervención psicopedagóxica de numerosos nenos e nenas con diagnóstico de Trastorno por Déficit de Atención por Hiperactividade e con Trastorno de Lectura, observou que teñen síntomas ou características comúns nas diferentes áreas do desenvolvemento. Así, apreciou dificultades para manter a atención nas tarefas, dificultades para adquirir unha adecuada lectura e escritura, para levar a cabo traballos ou actividades estruturadas, para planificar e alcanzar as metas propostas, baixa autoestima, interaccións sociais deficitarias... “Trátase de problemas aos que día a día se enfrontan os nenos e nenas con eses trastornos e que, con frecuencia, dificultan o diagnóstico diferencial”, matiza. Perseveranza en condutas pouco eficaces Froito do seu traballo obtivo “certas similitudes a nivel cognitivo entre os trastornos avaliados, presentando en ambos casos dificultades de funcionamento executivo e de atención sostida” , explica. Como consecuencia destas alteracións, engade María del Carmen Ferreiro, os menores teñen frecuentemente tendencia a postergar as tarefas e a alternalas sen finalizar, intereses fugaces, dificultade de focalización e sustentación da atención, maior sensibilidade á distracción, dificultade para filtrar estímulos internos e externos, problemas de organización e xerarquización de prioridades, baixa velocidade de procesamento e deficiencia de memoria de traballo e memoria prospectiva, o que xera esquecementos de responsabilidades e obxectivos estipulados. “Como cabe esperar, estas características tenderán a dificultar, en gran medida, a aprendizaxe”, indica a investigadora. Así, e segundo se desprende da tese, a tendencia a perseverar en condutas pouco eficaces aparece asociada ao trastorno por déficit de atención por hiperactividade pero non á dislexia, constituíndo un elemento diferenciador entre ambos trastornos. O tribunal O traballo de María del Carmen Ferreiro foi avaliado por un tribunal composto por Elisardo Becoña Iglesias, catedrático da Facultade de Psicoloxía da USC; Manuel Peralbo Uzquiano, catedrático da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña); Rafael Palencia Luaces, profesor titular da Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid; José Luis Pedreira Massa, profesor colaborador da Universidade Autónoma de Madrid e psiquiatra infantil no Hospital Niño Jesús; e Antonio Rial Boubeta, profesor titular da USC (Facultade de Psicoloxía). A tese recibiu a máxima cualificación académica, sobresaliente Cum Laude.