Pasar al contenido principal
STG

A USC ofreceu unha recepción ás alumnas de Enfermaría de Lugo premiadas por un estudo sobre a anorexia

De esquerda a dereita, María Asunción Núñez Magdalena, Paula Tato, Coral Zolle, Carlos Herrero, Marta Miranda e Miguel Fernández
De esquerda a dereita, María Asunción Núñez Magdalena, Paula Tato, Coral Zolle, Carlos Herrero, Marta Miranda e Miguel Fernández
Son as primeiras estudantes que obteñen o accésit ao mellor traballo de investigación nos premios que concede anualmente o Colexio Oficial de Enfermaría

As alumnas de primeiro curso do Grao en Enfermaría no Campus de Lugo, Paula Tato Ares e Coral Zolle Vázquez, foron recibidas este mércores nas instalacións do Edificio Museo e Casa do Coñecemento (E=mc2) logo de que o seu estudo sobre a anorexia nerviosa fose recoñecido este ano co accésit ao mellor traballo de investigación enfermeira dentro dos Premios ‘Muralla de Lugo’ que concede o Colexio Oficial de Enfermaría da cidade.
Nesta recepción oficial estiveron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Marta Miranda; a directora da Escola Universitaria de Enfermaría, María Asunción Núñez Magdalena; e o presidente do Colexio Oficial de Enfermaría, Miguel Fernández Méndez.
Con este acto, a USC quixo recoñecer o esforzo destas dúas alumnas xa que é a primeira vez que un traballo realizado por estudantes resulta galardoado neste certame de grande nivel e calidade que convoca anualmente o Colexio de Enfermeiros.
A anorexia e os coidados enfermeirosPaula Tato e Coral Zolle realizan no seu traballo unha descrición pormenorizada do itinerario terapéutico que seguen os pacientes con anorexia, un trastorno do que recoñecen “se escoita falar moito na rúa pero nós, como alumnas de Enfermaría, apenas tiñamos coñecemento”. Trátase dun completo e elaborado estudo que ten o mérito de abordar dende a disciplina dos coidados enfermeiros un campo pouco estudado pero de grande actualidade e importancia clínica polo aumento de casos detectados.
Nesta ampla e documentada visión sobre a anorexia, as estudantes do campus lugués inclúen unha historia deste trastorno dende o século XVI, cando se concibía como unha doenza de orixe divina ou por posesión demoníaca, ata chegar a catalogalo no século XIX como unha doenza nerviosa de perfil psicolóxico. Ademais, analizan a influencia dos patróns estéticos relacionados co corpo na evolución da anorexia ao longo da historia.
Empregando datos de organismos oficiais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou da American Psichiatric Association, o estudo galardoado incide tamén nas causas, os síntomas e a evolución da anorexia, no perfil dos enfermos, no tratamento farmacolóxico e mediante diferentes terapias así como nas técnicas de comunicación a seguir durante as sucesivas consultas ou na hospitalización do enfermo se a gravidade do cadro así o aconsella, para rematar facendo un amplo relatorio das secuelas cardiovasculares, endocrinas, dixestivas e psiquiátricas deste trastorno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2010.