Pasar al contenido principal
STG

A científica Ada Yonath, Nobel de Química en 2009, visita ConCiencia

A científica israelita Ada Yonath, Nobel de Química en 2009, achegarase a Santiago a vindeira semana para participar no Programa Conciencia. O acto central da súa visita será unha conferencia aberta a toda a cidadanía, o luns 25 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia, titulada ‘O ribosoma: unha máquina de ARN que sobreviviu á presión da evolución, pero está paralizada polos antibióticos’. A. Yonath (Xerusalén, 1939) acadou en 2009 o Premio Nobel de Química xunto con Venkatraman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz polos seus estudos da estrutura e función do ribosoma. En 108 anos de historia do Premio Nobel, o galardón en Química só recaera en tres mulleres: Madame Curie, a súa filla e a británica Dorothy Crowfoot-Hodgkin, esta última en 1964. O traballo de Ada Yonath versa sobre os procesos que rexen na clave da vida, como é a tradución feita polos ribosomas da información do ADN. Os ribosomas producen proteínas, que controlan a química de todos os seres vivos, e posto que son cruciais para a vida, son tamén un obxectivo clave para os novos antibióticos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2010.