A literatura arredor do ano 1635 centra un simposio que organiza a USC coa Casa Velázquez

Reflexionar acerca da gran variedade de feitos literarios que se produciu en torno ao ano 1635, no que se declarou a guerra entre Francia e España, é o obxectivo do simposio que organizan conxuntamente a Universidade de Santiago de Compostela e a École des hautes études hispaniques et ibériques da Casa de Velázquez. Coordinado polos profesores Alfonso Rey Álvarez e María José Alonso Veloso, o simposio ‘1635: Historia e literatura en torno a unha crise’ inaugurouse este xoves na Facultade de Filoloxía. Presidiu o acto o reitor Juan Casares e nel participaron ademais a catedrática Ofelia Rey Castelao, coordinadora do programa de colaboración entre a USC e a Casa de Velázquez, e o director desta última, Jean-Pierre Étienvre. Logo da inauguración interveu o profesor Alfonso Rey para introducir o simposio e a partir de aí sucederanse ao longo deste xoves e venres diversos relatorios de profesores das Universidades de Santiago de Compostela, de Rouen, París III, Complutense de Madrid, París VIII e París XIII. 1635 En 1635 morre Lope de Vega; Tirso de Molina publica El condenado por desconfiado, obxecto hoxe de varias controversias; e Calderón de la Barca conclúe El mayor encanto, amor, xa consagrado como poeta áulico e a punto de ver publicada a Primera parte de comedias, encabezada por La vida es sueño. Tamén en 1635 morre Salas Barbadillo, cultivador dunha modalidade narrativa en trance de desaparición, xustamente cando Quevedo, diana de varias diatribas pola súa obra satírica, publica Virtud militante, Las cuatro fantasmas de la vida, Epicteto y Focílides en español con consonantes, tal vez a última redacción de Grandes anales de quince días e Carta a Luis XIII. Paralelamente proseguen a súa evolución fenómenos tan variados como o estilo prosístico, o arbitrismo, a crítica literaria, a predicación ou a literatura pastoril.