Pasar al contenido principal
STG

O Congreso Internacional sobre Creación de Spin-offs Universitarios analiza na súa novena edición o ecoemprendemento e as redes sociais

O encontro inaugurarase o luns 29 na Facultade de Química

‘O ecoemprendemento e as redes sociais’ é o lema baixo o que se vai celebrar os días 29 e 30 de xuño na Aula Magna da Facultade de Química a novena edición do Congreso Internacional sobre Creación de Spin-offs Universitarios. O reitor da USC, Senén Barro, presidirá este luns 29 a inauguración do encontro nunha sesión que dará comezo ás 10:00 horas. Xunto a el, estarán presentes ademais o secretario xeral de Universidades, Marius Rubiralta; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida; o subdirector xeral da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno; e o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández.
Logo da sesión inaugural, a partir das 10:30 horas, o responsable de grupo de Isis Innovation Ltd, referirase ao proceso de transferencia de tecnoloxía na Universidade de Oxford. Seguiranlle David Rodeiro, da USC, para referirse á creación de empresas no sistema universitario español e Ignacio Mira Solves, da Universidade Miguel Hernández, que profundará na perspectiva do persoal investigador respecto da creación de spin-offs con base na investigación.
A quenda da tarde reanudarase ás 16:30 horas coa participación de Senén Barro, en calidade de presidente de RedEmprendia, para explicar aos asistentes o traballo que está a desenvolver a Red Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas. Completando a sesión, Carlos Hernández falará de INBERSO como mercado alternativo de spin-off.
A xornada do martes 30 terá como temas de análise a visión da empresa de base tecnolóxica e a aceleración de Empresas de Base Tecnolóxica no Espazo Iberoamericano de Educación Superior.
O emprendementoCoordinado polo programa de fomento da cultura emprendedora Uniemprende, o congreso ofrecerá aos participantes a oportunidade de discutir e intercambiar experiencias e boas prácticas sobre a transferencia de coñecemento, a creación e aceleración de spinf-offs e a internacionalización da terceira misión.
Ao longo das súas xornadas deseñadas profundarase no impacto socio-económico do emprendemento universitario, a posta en valor da tecnoloxía dende as universidades, o financiamento dos programas de emprendemento e a creación de empresas dende os espazos universitarios, facendo especial fincapé no ecoemprendemento e as redes sociais.
Neste senso e en relación á terceira misión, os organizadores do congreso consideran que “a sociedade require das universidades unha implicación activa no desenvolvemento económico, social e cultural do contorno, engadindo unha nova funcións ás xa clásicas de docencia e investigación”. Así, a asunción desta nova misión supón “importantes retos institucionais”, engaden, e “ten fortes implicacións na xestión da investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía e coñecemento”.
As intervencións programadas propiciarán un intercambio de visións e puntos de vista entre os axentes implicados, de tal xeito que se profundará na visión académica da terceira misión, ao tempo que se poderá coñecer o punto de vista do inversor nas redes sociais, a perspectiva da empresa de base tecnolóxica e coñecerase o alcance do proceso de internacionalización da terceira misión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2009.