A USC e a Fundación Alcer Coruña celebran este mércores en Santiago o Día do Doador de Órganos e Tecidos
Co gallo do Día do Doador/a de Órganos e Tecidos este mércores 3 de xuño, a USC e a delegación de Santiago de ALCER (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril) instalarán mesas informativas en diferentes puntos da cidade nas que ademais estudantes voluntarios da Escola Universitaria de Enfermaría realizarán medicións de tensión arterial.
As mesas informativas estarán emprazadas, de 10:00 a 14:00 horas, no CHUS, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, no Concello, diante da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Casas Reais) e no Parlamento de Galicia, a onde se agarda que se achegue ao longo da mañá a súa presidenta, Pilar Rojo.
Os detalles da campaña explicáronos en rolda de prensa a directora da Escola Universitaria de Enfermería da USC, Mª Jesús Nuñez Iglesias; e os delegados de Alcer en Santiago Dolores Casais e José Manuel Riesgo, que agradeceron á Escola a súa especial implicación na formación do alumnado na sensibilización en doazón e transplante de órganos e tecidos.
Todos eles falaron da importancia da doazón e transplante de órganos e da colaboración desde os distintos ámbitos da sociedade para lograr acadar a maior información e prevención posible. Concretamente en Galicia máis de 5.000 persoas prolongaron a súa vida grazas a un transplante de órganos, “malia que segue habendo persoas que morren na súa procura”, advertiron.
Lugo
Voluntarios da Fundación Alcer estarán tamén presentes no Campus de Lugo este mércores 3 desde as 10:00 ata as 13:30 horas, cunha mesa informativa na Biblioteca Intercentros.