Pasar al contenido principal
STG

Farmacia homenaxea cun concurso fotográfico ao primeiro doutor de España nesta titulación

En homenaxe ao que foi o primeiro doutor en Farmacia de España, o galego Julián Francisco Suárez Freire, a Facultade compostelá convoca o I Concurso de Fotografía co seu nome. Suárez Freire, natural de Grixoa, foi ademais o director do primeiro Colexio de Boticarios de Santiago, desde 1815 a 1821.
As Ciencias Farmacéuticas, en todas as súas vertentes (facultade, estudos de farmacia, exercicio profesional, ...) centran a temática deste concurso aberto a persoas maiores de 18 anos, que poderán concorrer de xeito individual ou en grupo. O prazo para a recepción de traballo estenderase ata o día 27 de novembro. As obras presentadas exporanse na propia facultade e na páxina web do centro a partir do 1 de decembro. O ditame do xurado farase público o 5 decembro, mentres que a entrega dos premios realizarase o día 12 dese mesmo mes.
PresentaciónSegundo as bases do concurso, as fotografías deberán presentarse en tamaño de 20x25 cm montadas sobre un soporte consistente (preferentemente sobre cartón pluma ou cartolina) cunha marxe de 3 centímetros en cada borde.
Cada obra se identificará cun título/lema ou pseudónimo e irá acompañada dun sobre cerrado igualmente identificado, en cuxo interior conterá os datos do autor xunto cun breve texto explicativo. Ademais, será necesario acompañar nun soporte apropiado (CD, DVD, ...) a fotografía ou fotografías en formato dixital (resolución mínima de 600 X 600 píxeles). As obras remitiranse ao enderezo Primeiro Concurso de Fotografía Julián Francisco Suárez Freire. Facultade de Farmacia. Campus Universitario Sur. 15706 Santiago de Compostela.
PremiosO concurso contempla tres premios dotados con 300, 200 e 100 euros e diploma acreditativo, xunto cun galardón especial, dotado con 100 euros e obsequio conmemorativo, que se outorgará entre as fotografías realizadas por titulados ou integrantes deste centro compostelán.
Presidido polo decano da Facultade de Farmacia e composto por profesores, fotógrafos e membros do mundo da imaxe, nas elección das obras gañadoras terase en conta a orixinalidade, calidade artística, contido e actualidade da imaxe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.11.2009.