Pasar al contenido principal
STG

Inaugúrase este xoves a primeira edición do pioneiro Máster de Críticos

A Universidade de Santiago pon en marcha este ano o Máster de Críticos, posgrao propio da USC de carácter pioneiro e innovador que se inaugura este xoves 15 na Aula 1 do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
O posgrao, de 600 horas, impartirano ata setembro de 2010 nese centro hospitalario profesores da USC das Facultades de Medicina, Dereito e Psicoloxía e da Escola Universitaria de Enfermaría. A titorización clínica correrá a cargo de médicos e enfermeiras que desenvolven o seu labor asistencial en diferentes unidades de críticos.
Preténdese que o Máster, dirixido pola profesora Amalia Puga, sexa un referente de actualización e unha posta a punto dos profesionais que en toda a área de influencia están responsabilizados da atención a pacientes ingresados en unidades de Urxencias, Coidados Coronarios, Coidados Intensivos de adultos, Transplantes (UTAB), Reanimación, Hematoloxía (THP), Neonatoloxía e Unidade de Coidados Intensivo-Pediátricos. Trátase, en suma, de achegar o mellor desenvolvemento clínico formativo existente nestes momentos no propio centro de traballo.
Mesas redondasA presentación deste xoves no CHUS dará comezo ás 16:30 horas con dúas mesas redondas moderadas por Amalia Puga, a primeira sobre a estrutura, organización, calidade e humanización das Unidades de Urxencias, Coronarias e UCI e a segunda, ás 17:30 horas, das Unidades de Reanimación, UTAB, TTPH e Neonatos.
Xa ás 19:00 horas intervirá a xerente do Sergas, Rocío Mosquera, cunha conferencia sobre as áreas de xestión integrada. Rematará o acto coa participación do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2009.