Pasar al contenido principal
STG

Farmacia celebra un acto académico en honra a súa patroa a Inmaculada Concepción

A Facultade de Farmacia da USC organiza este sábado 12 un acto académico en honra á súa patroa, a Inmaculada Concepción. Logo da celebración dunha misa na Capela da Universidade en lembranza aos profesores Alejandro Gómez-Ulla e Francisco Orallo, ás 12:00 horas principiará o acto que vai presidir o reitor compostelán Senén Barro.
Á lectura da memoria académica correspondente ao pasado curso, seguiralle a conferencia que vai impartir o profesor Sergio Casas titulada ‘Metilmercurio: a historia interminable’. A continuación será a quenda da entrega de medallas ás profesoras María José Alonso e Isabel Iglesias e aos profesores Sergio Casas e Agustín Sánchez, en recoñecemento aos 25 anos de docencia impartida neste centro compostelán. Tamén recibirá semellante recoñecemento o profesor José Miñones Trillo co gallo da súa recente xubilación.
Nesta mesma sesión entregaranse os diplomas aos doutores do curso 2008-2009, ao docente mellor valorado polo alumnos no pasado curso e aos farmacéuticos titores dos Centros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde. Ademais, tamén recibirán os seus premios os gañadores do primeiro concurso fotográfico Julián F. Suárez Freire, cuxo primeiro premio foi para a obra ‘Concluión’ de Marta Samartín; o segundo para Violeta Pérez e Ignacio Insua por ‘Cristal Violeta’; e o terceiro para o Grupo Pimesa (Iago Méndez, Pablo Piñeiro e Ana Méndez) por ‘Matraces’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2009.