Pasar al contenido principal
STG

A USC e a Deputación Provincial celebrarán a próxima semana en Lugo un curso sobre a romanización en Galicia

A USC e a Deputación Provincial de Lugo celebrarán a próxima semana o ‘Curso de actualización sobre a Romanización de Galiza. Do castro á cidade: a romanización na Gallaecia e na Hispania indoeuropea’, dirixido polos profesores Manuel Villanueva e Dolores Dopico.
Nesta acción formativa participarán 95 persoas, profesionais do profesorado de Ensino Secundario e Bacharelato das materias de Xeografía e Historia, Arte, Latín, Grego e Cultura Clásica, estudantes e licenciados en Humanidades, Filoloxía Clásica, Xeografía, Historia e Arte, que obterán un crédito de libre configuración.
O acto de inauguración terá lugar no Salón de Actos da Deputación Provincial, ás 13:15 horas e nel estarán presentes a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo, o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, e o director do curso.
Cunha duración de 30 horas lectivas, o curso celebrarase entre a Facultade de Humanidades, o Museo Provincial de Lugo e o Museo do Castro de Viladonga. O obxectivo do mesmo é proxectar ao coñecemento da sociedade aspectos da investigación que deben transcender os límites estritos do ámbito académico e constituír unha oferta cultural que contribúa á posta en valor dunha idea de historia viva. A finalidade última do mesmo será, en definitiva, a comprensión do fenómeno romanizador na vertente que atinxe á reordenación do espazo, con especial atención á aparición da cidade como elemento da organización do territorio, as orixinais formas de simbiose entre a tradición indíxena e a influencia romana, que na antiga Gallaecia dá por resultado unha cultura galaico-romana.
O programa, que se desenvolverá en tres días, contará coa participación como relatores dos máis importantes investigadores da romanización. A temática centrarase nos estudos da romanización nas cidades de Lugo, León, Astorga e Braga, incluíndo os últimos descubrimentos no castro da Piringalla; nos pobos indíxenas do Norte e do proceso de paso do castro á cidade.
Na primeira xornada, abrirá as intervencións o catedrático da Universidade de Santiago Gerardo Pereira Menaut coa conferencia titulada ‘Teoría da romanización: novas visións e tendencias’. A continuación falará Liborio Hernández Guerra, da Universidade de Valladolid, sobre a romanización dos oppida vacceos. Rematará a xornada de mañá a profesora de Lugo Dolores Dopico para falar do papel de Augusto na transformación dos pobos indíxenas.
A xornada da tarde se celebrará no Museo Provincial e estará a cargo de Juan Santos Yanguas, catedrático da Universidade do País Vasco, que falará das organización indíxenas do norte peninsular, e de María Pilar Rodríguez Álvarez, profesora da USC, que exporá a evolución do modelo organizativo da Gallaecia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.07.2008.