Pasar al contenido principal
STG

A Deputación de Lugo subvenciona o POP en Prevención de Riscos que se imparte en Ciencias

O convenio foi asinado polo reitor, Senén Barro, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro
O convenio foi asinado polo reitor, Senén Barro, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro
O reitor e o presidente da entidade provincial asinaron en Humanidades un convenio de colaboración

A Deputación Provincial de Lugo financiará unha parte do Programa Oficial de Posgrao en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, que se celebra dende o mes o outubro na Facultade de Ciencias do Campus Lugués. Así o acordaron este luns 28 o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, coa sinatura dun convenio entre as dúas entidades na Facultade de Humanidades.
Mediante este acordo, a Deputación Provincial financiará esta actividade formativa con 20.000 euros anuais nas cinco edicións previstas inicialmente no convenio (100.000 euros en total), que terá vixencia ata o ano 2012. Expón tamén neste acordo o interese da entidade en fomentar a formación de especialistas nesta materia.
Estes estudos están dirixidos a titulados universitarios e ten por obxectivo dotar ao alumno dun coñecemento teórico e práctico da Prevención de Riscos Laborais que permita a homologación para o exercicio profesional de Técnico Superior nas tres especialidades contempladas na lexislación: Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada. Os seus contidos facilitarán un amplo coñecemento da aplicación da normativa legal ao respecto cumprindo os criterios da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo para ser técnico.
O máster tamén pretende promover o coñecemento da Toxicoloxía Laboral e a prevención de enfermidades profesionais asociadas á exposición a axentes tóxicos no medio laboral e tomar conciencia sobre os problemas medioambientais e os seus efectos sobre os ecosistemas e a poboación.
O curso impartirase de forma mixta, con clases presenciais e módulos a desenvolver de xeito virtual, cun total de 90 créditos de formación teórica e práctica nos que os alumnos estudarán aspectos como lexislación, seguridade, hixiene, ergonomía e medicina de traballo, entre outros. Será un total de ano e medio de estudos no que se inclúen prácticas en empresas.
A primeira edición do máster deu comezo no mes de outubro e nela participan un total de 43 estudantes. Este POP xurdiu despois da celebración neste mesmo centro de tres edicións do Máster en Prevención de Riscos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.01.2008.