Pasar al contenido principal
STG

Científicos de relevancia internacional exporán na USC as novas ferramentas da Biotecnoloxía

Nanopartículas para a detección temperá do cancro ou o pez cebra como modelo para cancros humanos, entre os temas do primeiro día

Científicos de relevancia internacional reuniranse os días 27 e 28 de novembro con biólogos moleculares, bioquímicos e tecnólogos de alimentos co obxecto de debater sobre as ferramentas da Biotecnoloxía fronte aos novos tempos. Será no transcurso do segundo simposio internacional ‘Biotecnoloxía: novas ferramentas para unha nova era’ que organiza a USC co patrocinio da Fundación Ramón Areces.
O reitor da USC, Senén Barro, presidirá este xoves 27 no Salón de Actos de Feuga (Campus Sur) a inauguración oficial do encontro nunha sesión que está previsto que comece ás 9:00 horas e na que o acompañarán Julio R. Villanueva, da Fundación Areces; o director xeral de Feuga, Javier López Martínez; e o decano da Facultade de Farmacia, Juan J. Torres Labandeira. Ao longo das distintas sesións programadas, os científicos Charles Samuel, Zhiyuan Gong, Robert Wall, Vicente Notario, Donald L. Nuss e Cesar Nombela traerán a debate os últimos avances no tema proposto.
O encontro, coordinado polos profesores da USC Tomás Villa, Ignacio Zarra, Jorge Barros e Javier Benavente, xurde co obxecto de profundar nas múltiples potencialidades que ofrece a biotecnoloxía, dende a súa aplicación ao campo dos alimentos como ao da loita contra o cancro ou a conservación do medio ambiente.
Os relatorios xa definidos para o programa docente do encontro propiciarán o debate sobre diversas cuestións. Así, profundarase na utilización de estratexias baseadas en nanopartículas para a detección temperá do cancro; nos métodos a usar para a transferencia xénica no gando; no pez cebra como modelo para cancros humanos; na utilización de peixes pequenos de acuario para o desenvolvemento de monitorización do ambiente ou en como incrementar o benestar do gando por aumento da súa resistencia á mastite a través da enxeñaría xenética, entre outros múltiples temas.
Programa do xovesA activación da resposta antiviral innata é o tema co que principiará a quenda de intervencións, a cargo do profesor da Universidade de California Charles Samuel, ao que lle seguirá Aaron J. Shatkin, da Universidade Rutgers de Estados Unidos, con dúas sesións nas que se referirá ao capping dos mRNAs na exprexión xénica eucariótica. O profesor da Universidade Nacional de Singapur, Zhiyuan Gong completará a exposición da sesión matinal referíndose ás cualidades do pez cebra como modelo para cancros humanos.
Robert Wall, do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos, realizará unha reflexión sobre os posibles métodos existentes para unha mellor transferencia xénica no gando na primeira das conferencias da tarde, a partir das 16:00 horas. Vicente Notario, da Universidade de Georgetonw, proporá deseguido unha reflexión sobre as estratexias baseadas en nanopartículas para a detección temperá do cancro. O programa do primeiro día rematará coa presenza do profesor da Universidade de León, Juan F. Martín, que se referirá á ensamblaxe e transferencia horizontal no agrupamento xénico para metabolites secundarias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2008.