Pasar al contenido principal
STG

A profesora da USC Inmaculada Paz Andrade recibe a vindeira semana a Medalla Castelao

A profesora Inmaculada Paz Andrade, xunto co director de orquestra Máximo Zumalave e o debuxante José Luis González Vázquez ‘O Carrabouxo’ recibirán a vindeira semana, o día 28, as Medallas Castelao 2008, premio que segundo o presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño distingue “aos galegos que son autores dunha obra merecente de recoñecemento do pobo de Galicia en calquera faceta o ámbito humano”.
Inmaculada Paz Andrade foi, no campo da docencia, a primeira muller nomeada profesora adxunta interina da Facultade de Ciencias da USC, a primeira profesora adxunta por oposición (equivalente na actualidade á titularidade), a primeira muller encargada de Cátedra da Facultade de Ciencias, a primeira profesora agregada da Facultade de Química e a primeira Catedrática da Facultade de Física.
No ámbito da investigación, iniciou unha carreira científica vocacional cunha traxectoria fulgurante que pronto sería recoñecida tanto no ámbito estatal como no eido internacional, converténdose en referencia mundial como especialista en termoxénese, análise térmica diferencial e microcalorimetría. Neste campo creou na USC un grupo especializado e os seus laboratorios, ademais de introducir o estudo da disciplina en España e crear escola investigadora en microcalorimetría non só nas tres universidades galegas senón tamén noutras do Estado e en centros do CSIC.
No ámbito profesional internacional, está considerada como unha das mellores investigadoras no campo da Termodinámica e a Microcalorimetría. Ten realizado máis de 225 publicacións científicas e colabora cos mellores especialistas a nivel mundial nos campos da súa especialidade, ademais de dirixir 30 teses de doutoramento.
Creou e dirixiu o Grupo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (Grupo THOR), un sistema experto para predicir o risco de incendios forestais en Galicia que constitúe un fito na súa carreira investigadora e no que se inclúen investigadores das tres universidades galegas e do CSIC.
A concesión da Medalla Castelao 2008 unirase a outros importante galardóns cos que se honrou a figura de Paz Andrade pola súa traxectoria profesional e científica, como a Medalla de Ouro de Física da Real Sociedade Española de Física (1992) , o Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares y Rodrigo da Xunta de Galicia ou a Insignia de Ouro da universidade compostelá.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.06.2008.