Pasar al contenido principal
STG

A Universidade de Santiago e o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia asinan un convenio marco de colaboración

O reitor da USC, Senén Barro, e a decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia (COPG), Mª Rosa Álvarez Prada, asinaron este xoves 12 no Colexio de San Xerome un convenio marco de colaboración, nun acto no que tamén estivo presente a decana da Facultade de Psicoloxía, Socorro Rodriguez Holguin.
Tras as sinatura Rosa Álvarez valorou positivamente a formalización dunha colaboración que na práctica xa se vén producindo de maneira continuada dende hai anos. A este respecto a decana considera que o mundo académico e o profesional “teñen que camiñar xuntos para dar unha resposta de calidade aos novos desafíos que formula a sociedade”.
Rosa Álvarez subliñou ademais que nos últimos 20 anos a profesión mudou obrigada a adaptarse a novas necesidades como a atención psicolóxica en situacións de catástrofes, á emigración ou á educación vial, entre outros, “aunando esforzos ofreceremos mellores respostas”, resaltou a decana.
Pola súa banda, o reitor compostelán lembrou que a de Psicoloxía é a única facultade deste disciplina en Galicia “o que para nós representa unha responsabilidade, a de entroncar a formación de xeito directo co exercicio profesional”, polo que cualificou como positivo o alcance deste convenio que “permitirá o contacto directo cos que desenvolven a práctica profesional”.
Ao abeiro deste convenio a Universidade e o COPG executarán de xeito conxunto proxectos e programas de investigación, desenvolvemento e transferencia de coñecemento, ademais de cooperar en programas e actividades de formación continuada de profesionais e de persoal investigador.
O convenio marco, cunha vixencia de tres anos renovables por períodos iguais, fai alusión tamén á colaboración na formación práctica tutelada e no achegamento ao exercicio profesional de estudantes de titulacións universitarias oficiais da Facultade de Psicoloxía. Neste senso, a Universidade e o Colexio cooperarán nos procesos de avaliación e certificación da calidade das actividades de formación e de recoñecemento de competencias profesionais que competen a cada parte.
De xeito complementario, o documento asinado permitirá o asesoramento mutuo e a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Cada unha das iniciativas que se vaian desenvolver precisarán de acordos específicos nos que se detallarán os obxectivos perseguidos coa súa organización, o plan de traballo, orzamento total e medios materiais e humanos de que precisa, normas de coordinación, execución e seguimento así como o nomeamento de responsables.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.06.2008.