Pasar al contenido principal
STG

As VI Xornadas Sindur analizarán un proxecto pioneiro finlandés para a creación dunha gran comunidade virtual-real

O encontro estudará tamén esta semana o proxecto Granxafamiliar.com e o Banco de Terras

A cualificación dos recursos humanos e o impulso do capital intanxible en Galicia preséntanse como un auténtico desafío de futuro. Baixo esta premisa organízanse as VI Xornadas SINDUR, desenvolvidas polo grupo de investigación GIST da Universidade de Santiago ao amparo dos Plans Nacional e Galego de I+D+i, que terán lugar en Compostela este martes 16 e o xoves 17.
Dado que Finlandia é un referente para a educación de excelencia e a innovación tecnolóxica, con recoñecemento internacional, as xornadas centraranse nesta ocasión na análise e debate crítico dun proxecto pioneiro para a creación dunha grande comunidade virtual-real onde, actualmente, interactúan persoas, familias, empresas TIC, traballadores e investigadores universitarios na periferia da cidade de Helsinki. Ademais, estudaranse as relacións de xénero e a tecnoloxía en dito país. Para iso cóntase coa presenza do experto finlandés Tommi Inkinen, da Universidade de Helsinki, que pronunciará varias conferencias.
Dende a escala local analizarase tamén nestas sextas xornadas os fundamentos teóricos e científicos de dous proxectos que establecen canles de comunicación moi directos entre a sociedade galega e as novas tecnoloxías, como son Granxafamiliar.com e o Banco de Terras. O primeiro caso centrado na investigación e creación de novas formas de comprar e vender produtos agrarios, e o segundo caso focalizado no desenvolvemento de procesos de concentración e posta en produción da superficie agraria útil.
ProgramaAs xornadas comezarán este martes 16, ás 16:00 horas no Idega (a carón da Facultade de Química, no Campus Sur) coa intervención do profesor Tommi Inkinen, que falará do modelo ‘Arabianranta. Helsinki Virtual Village’. A continuación o profesor da USC Carlos Ferrás explicará Granxafamiliar.com como unha nova forma de comprar e vender.
Xa o mércores 17 intervirá ás 16:00 horas o profesor da USC Rafael Crecente coa charla ‘Fundamentos técnicos e científicos do Banco de Terras’ para, deseguido, o profesor Inkinen intervir con ‘Xénero e Tecnoloxía en Finlandia. A segunda fenda dixital’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2008.