Pasar al contenido principal
STG

Investigadores da USC premian a participación nun estudo sobre drogas e conduta antisocial cun portátil e cinco MP4

A catedrática Ángeles Luengo entregou os agasallos que premian a participación no estudo
A catedrática Ángeles Luengo entregou os agasallos que premian a participación no estudo

Membros da Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (UDIPRE) da USC sortearon un ordenador portátil e cinco MP4 entre os rapaces que participaron no traballo ‘Patróns persoais/ contextuais de vulnerabilidade, protección e prevención do consumo de drogas e a conduta antisocial en adolescentes inmigrantes e autóctonos’.
A entrega dos agasallos, celebrada na Facultade de Psicoloxía, presidiuna a catedrática e responsable do traballo Ángeles Luengo xunto co resto do equipo de investigación. O acto pechou a fase de recollida de datos e serviu para “agradecer e incentivar a participación no estudo”, explicou Luengo. Para a docente, profundar no colectivo de inmigrantes “é fundamental nunha época na que son parte importante da nosa sociedade”.
O proxectoO proxecto ten como finalidade principal analizar o proceso de integración dos inmigrantes máis novos na nosa sociedade e as variables que facilitan ou dificultan a súa adaptación. No futuro, permitirá coñecer as súas condutas de risco de consumo de drogas e conduta antisocial e axustar os programas de prevención tanto no eido familiar como no escolar, para responder ás necesidades específicas destas poboacións.
Un total de cincuenta estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria colaboraron no desenvolvemento do proxecto a través dunha entrevista persoal. Os participantes, pertencentes a distintos centros escolares das provincias de A Coruña e Pontevedra, accederon a dar información voluntariamente co consentimento dos seus pais ou titores, tamén partícipes no proxecto.
O equipo UDIPRE sorteou os agasallos ante notario. Os premios entregáronse seguindo a orde de extracción das papeletas, de tal forma que á primeira que se sacou correspondeulle o ordenador portátil.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2008.