A Aula de Produtos Lácteos recibe preto de dez millóns de euros para a súa conversión en centro tecnolóxico
Un total de 9.783.583 euros procedentes dos fondos FEDER destinaranse para o proxecto de conversión da Aula de Produtos Lácteos nun centro tecnolóxico, tal e como se acordara hai un ano coa firma dun convenio entre as consellarías de Innovación e de Medio Rural e a USC. Este proxecto contempla a construcción dun novo edificio no Campus de Lugo e a súa dotación con equipamento científico-tecnolóxico.
Esta achega económica foi anunciada este venres polos conselleiros Fernando Blanco e Alfredo Suárez Canal e o vicerreitor de Infraestruturas, Xoán Carlos Carreira Pérez, que explicaron que o 70% dos cartos destinaranse para axuda directa ao proxecto e o 30% restante é un anticipo do FEDER que a USC amortizará en dez anos e a interese cero.
O proceso que se inicia coa transformación da Aula significará a creación dun centro tecnolóxico capaz de satisfacer as necesidades de I+D do sector lácteo de Galicia, dando servizos avanzados de I+D a empresas e a institucións de todo o Estado no procesado de alimentos líquidos, concentración, deshidratación e secado. Entre as medidas propostas figura a conversión da Aula en Fundación de carácter público e a reubicación das súas actividades dentro do campus.
Xoán Carlos Carreira explicou que este proxecto supón “un paso máis na procura da conexión entre a investigación realizada na Universidade e a sociedade en xeral” e que “pon fin a un proceso de traballo de varios meses para establecer os obxectivos e a estrutura de funcionamento do novo centro”. Engadiu tamén que espera que o novo centro tecnolóxico “non sexa o único que se plasme en Lugo e que sirva de inicio para un proceso moito maior”.
O novo edificioO convenio asinado por Innovación e Industria, Ministerio de Educación e USC contempla a construción no Campus Universitario de Lugo dun novo edificio para a localización da Aula, que constituirá o futuro centro tecnolóxico, así como unha mellora substancial das posibilidades tecnolóxicas e científicas desta institución mediante a adquisición de equipamento consistente en material singular non existente até o momento no mapa de estruturas científico-tecnolóxicas de Galiza nin da península.
O novo edificio terá 3.509 metros cadrados e tres plantas. A planta baixa dedicarase a planta piloto e laboratorios anexos, a primeira a área de cata, salón de actos, biblioteca e unha aula e a segunda planta destinarase a despachos de investigadores e a oficina de transferencia de resultados de investigación (OTRI). Segundo o proxecto contemplado no convenio, a edificación terá un deseño arquitectónico exterior singular, que o identifique e sirva como imaxe e proxección do centro, e integrará como elementos arquitectónicos instalacións de aproveitamento de enerxías renovábeis, en especial de enerxía solar térmica para o abastecemento de calefacción e auga quente e enerxía solar fotovoltaica para a subministración de electricidade.
A nova infraestrutura estruturarase en varias áreas de investigación. A planta baixa albergará unha área analítica, con laboratorios físico-químico, instrumental e microbiolóxico; e outra de tecnoloxía agroalimentaria, coas instalacións e o equipamento necesario para realizar a maior parte dos procesos de elaboración e transformación relacionados co sector agroalimentario (envasado, embalaxe, evaporación e secado, automatización, preparación e distribución, queixería, etc.). O centro contará ademais, no primeiro andar, cunha área de cata ou de análise sensorial, ciencia con múltiples aplicacións entre as cales se poden citar o control de calidade, o estudo da fisioloxía da percepción e a análise sensorial aplicada, que permite estudar as influencias de diferentes materias primas e procesos de elaboración nas características organolépticas do produto final.
A construción deste edificio, presupostada en 5.618.583,93 euros cun prazo de execución de tres anos (31 de decembro de 2010), solucionará os problemas actuais de saturación da Aula de Produtos Lácteos, que xa acadou o teito das súas posibilidades de crecemento tanto en instalación de novas tecnoloxías científicas coma en incorporación estábel de persoal investigador. O equipamento científico-tecnolóxico previsto para dotar o centro ten un custe de 4.165.000 euros e conseguirá cubrir os ocos existentes en tecnoloxías de deshidratación e secado no mapa de centros de investigación do Estado e mellorar as facilidades do taller de tratamentos térmicos e de queixería.
En definitiva, o novo Centro Tecnolóxico lucense completará as posibilidades tecnolóxicas para satisfacer as necesidades de I+D+i nun sector no que se utilizan múltiples tecnoloxías e con necesidades moi diversas, ademais de posibilitar novas liñas de fabricación para miniseries na fase de lanzamento e testeo de produtos pola industria. En sucesivas fases, e no marco dos obxectivos do proxecto de conversión da aula en Centro Tecnolóxico das consellarías de Innovación e Industria e Medio Rural e da Universidade de Santiago de Compostela, este centro complementarase cun viveiro de empresas dotado de espazo e servizos industriais que auspiciará novas empresas lácteas/agroalimentarias durante os primeiros anos.