Pasar al contenido principal
STG

A Universidade de Santiago homenaxeou ao catedrático José Luis Vila Jato con motivo da súa xubilación

O reitor impúxolle a Insignia de Ouro da USC en recoñecemento aos seus servizos á institución

O Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e a Facultade de Farmacia da USC homenaxearon este venres, día 21, ao profesor José Luis Vila Jato con motivo da súa xubilación. Catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica dende o ano 1976, Vila Jato desenvolveu a súa longa e frutífera traxectoria profesional vinculado á institución docente compostelá, ademais da súa etapa investigadora en París no Instituto Pasteur.
No acto académico, que se celebrou no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa asistencia dun numeroso grupo de compañeiros e amigos do homenaxeado, o reitor impúxolle a Insignia de Ouro da USC en recoñecemento aos seus relevantes servizos á institución. Á cerimonia asistiron a vicerreitora de Investigación, María José Alonso; o decano da Facultade de Farmacia, José Miñones; o director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Ángel Concheiro; o presidente da Academia de Farmacia de Galicia, Isaac Arias; o presidente da Sociedad Española de Farmacia Industrial y Galénica, José Martínez Lanao; e a subdirectora xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios, Cristina Rey.
Mesa redondaLogo da cerimonia de imposición da Insignia de Ouro da USC desenvolveuse unha mesa redonda baixo o título ‘Cincuenta anos de Farmacia Galénica na Universidade de Santiago de Compostela’ na que, moderada polo profesor Concheiro Nine, participaron os profesores María José Alonso, D. Duchêne, Domínguez Gil-Hurlé, Llabrés Martínez, Cuña Estévez e Martínez Pacheco. Todos eles analizaron nas súas intervencións a proxección internacional do profesor Vila Jato, a súa relación profesional co Servizo de Farmacia do CHUS e a súa contribución á biofarmacia, á farmacocinética e á tecnoloxía Farmacéutica. Pola súa banda, María José Alonso falou do grupo de investigación sobre nanotecnoloxías aplicadas ao deseño de sistemas de liberación de fármacos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2007.