O Grupo de Teatro da USC en Lugo pecha o XIII Festival Internacional con pases especiais de 'O Público'
O Grupo de Teatro do Campus de Lugo pechará este mércores, día 28, o XIII Festival Internacional de Teatro Universitario coa representación de ‘O Público’ de Federico García Lorca, facendo dous pases especiais ás 18:00 e 23:00 horas. O Auditorio Gustavo Freire acolle esta obra dirixida por Paloma Lugilde e de entrada gratuíta, pero cun aforo limitado a 100 persoas. Cunha duración de 70 minutos foi traducida ao galego por Xoán Laxe.
A peza de García Lorca representa unha sociedade que se serve de ‘máscaras’ para manipular os seus propios sentimentos, emprega o recurso do teatro no teatro para poñer de manifesto a ‘hipocrisía’ dunha sociedade que non sabe ou ten medo a despoxarse da carga do ‘politicamente correcto’ e chegar ao ‘amor verdadeiro’ sen importar as formas.
O grupo de teatro da USC-Lugo foi tamén o encargado de abrir o Festival na cidade a pasada semana con esta mesma representación que conta cunha posta en escena nada tradicional na que participan máis de catorce actores.