Pasar al contenido principal
STG

Anxos Sumai gaña o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres

A escritora Anxos García Sumai vén de gañar o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres, dotado con 6.000 euros, que convocan conxuntamente o Concello de Cuntis e a Universidade de Santiago. Esta escritora nacida en Catoira publicou en 2003 a súa primeira novela Anxos da Garda e en 2005 Melodía de días usados. Logo das deliberacións, e consideradas varias candidaturas, o xurado acordou concederlle o Premio pola serie de artigos que, co título xenérico ‘Somos perigosamente normais’, foron emitidos como sección semanal no Diario Cultural da Radio Galega en 2006.
No xurado desta oitava edición do premio, reunido este venres no Concello pontevedrés, participaron o decano de Ciencias da Comunicación, José Miguel Túñez López; o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo; os catedráticos da USC Roberto Blanco Valdés e Darío Villanueva Prieto; o escritor e profesor da USC Víctor Fernández Freixanes; a alcaldesa do Concello de Cuntis, Fátima Monteagudo; e o concelleiro de Cultura, Turismo, Deporte e Educación de Cuntis, José Manuel García García. Excusaron e delegaron a súa presenza o reitor da USC, Senén Barro; o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega Gómez; e Isaac Díaz Pardo, gañador da pasada edición do Premio.
Este xurado valorou a calidade literaria e a capacidade de observación e interpretación da realidade que emana dos textos de Anxos Sumai, a “intelixente combinación” entre fondo e estilo, a sensibilidade da autora para ler os acontecementos cotiáns “cunha ollada distinta, que sen deixar de ser íntima e moi persoal mantén o espírito crítico diante da noticia”.
A premiada desenvolveu igualmente durante o pasado ano unha “presenza importante na Rede”, que tamén foi valorado polo xurado. Así, ademais da súa coñecida participación nos blogs, durante 2006 son especialmente relevantes as colaboracións no portal Culturagalega.org, que co título de “Crítica da memoria pura” incide na mesma capacidade de interpretación dos acontecementos.
Premio Blanco TorresO Premio inclúe, ademais da dotación económica, a edición dos textos premiados nun libro cun estudo e presentación a cargo dun profesor da Universidade de Santiago. Na pasada edición o Premio concedéuselle a Isaac Díaz Pardo pola sección ‘Crónicas Inconformistas’ de La Voz de Galicia e cuxa publicación presentarase a vindeira semana en Santiago.
Con anterioridade recibiron o Premio ‘Roberto Blanco Torres’ o escritores Alonso Montero, Méndez Ferrín, Borobó, Carlos Casares. Francisco Fernández del Riego e Bieito Iglesias, ademais do citado Díaz Pardo, polas súas colaboracións literarias e de opinión na prensa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.03.2007.