Medicina dedica a Rosalind E. Franklin o acto en memoria das científicas esquecidas
A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago dedica a Rosalind E. Franklin o acto académico en memoria das científicas esquecidas co que celebra este xoves, día 8, o Día Internacional da Muller Traballadora.
Será a profesora Lourdes Domiguez Gerpe, do Departamento de Medicina, a encargada de pronunciar, ás 11:00 horas no Salón de Actos da Facultade, a conferencia ‘Rosalind Franklin, a sombra brillante do ADN’.
A científica británica Rosalind Elsie Franklin (1920-1958) tivo un papel destacado no descubrimento da estrutura do ADN, o maior fito no desenvolvemento da bioloxía molecular.
Franklin traballou no laboratorio de John Randall no King's College de Londres, onde mantivo unha complexa relación con Maurice Wilkins, quen mostrou sen a súa autorización a James Watson e Francis Crick as súas imaxes de difracción de raios X do ADN, cuxos estudos foron esenciais para descifrar a estrutura de moléculas biolóxicas complexas como o ADN, determinada en 1953, e as proteínas dos virus.
Tras a morte prematura en 1958 de Franklin dun cancro de ovario, en 1962 concedéuselle o Premio Nobel de Fisioloxía a Watson, Crick e Wilkins.