Pasar al contenido principal
STG

A última edición d'O Cartafol Dixital da USC xa está en liña

O número 33 recolle unha entrevista ao californiano que gañou o concurso universitario de 'Monólogos monolingües'

O número 33 d’O Cartafol Dixital da USC, correspondente ao mes de febreiro, xa está dispoñible a través da rede. Nesta edición da publicación electrónica destacan temas como o número de horas docentes impartidas en galego na Universidade de Santiago, que na actualidade supoñen o 19,6 por cento, o idioma utilizado entre o profesorado ou o proxecto de decreto de ensino non universitario en lingua galega.
Ademais de contar coas habituais seccións ‘Axenda’, ‘Ruxe-ruxe’ e ‘Arriba e abaixo’, O Cartafol tamén recolle a entrevista a Mark Wiersma, alumno do programa de doutoramento en Literatura Comparada da universidade compostelá chegado de California en 2004 e gañador da terceira edición do concurso universitario de ‘Monólogos monolingües’.
Asemade, este número do boletín completa a súa información anunciando a segunda quenda dos cursos para non galegofalantes, a entrega dos premios á calidade lingüística de traballos académicos realizados o pasado curso e a nova web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Destinado a toda a comunidade universitaria para dar a coñecer as iniciativas que xurdan a prol do galego, o Cartafol dixital é un boletín mensual de noticias sobre a lingua na Universidade de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2007.