'As Noites Musicais da Condesa' continúan coa actuación do polifacético Nelsom Quinteiro
O ciclo de concertos ‘As Noites Musicais da Condesa’ continúa este martes, día 20, ás 22:00 horas co espectáculo de Nelsom Quinteiro baseado nunha mestura de voces en directo mediante pedal de loops, delays e efectos sonoros. Organizada pola Bolsa de Música da Residencia Universitaria Monte da Condesa, esta actuación abordará a tradición oral dende unha perspectiva cómica, empaparase de ritmos portugueses e introducirá algunha peza en lingua inglesa.
Nelsom QuinteiroNacido en Cangas do Morrazo, Nelsom Quinteiro é coñecido como un artista polifacético que, ademais de cantante, bailarín, actor e cabareteiro, é coordinador de diversas iniciativas culturais. Colaborador no programa ‘Luar’, Nelsom Quinteiro participou tamén na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo do Morrazo, no proxecto ‘A Cultura Circula’ da Xunta de Galicia, ou no Festival Galego de Cabaré.
Recentemente, ofreceu unha entrevista-concerto no programa ‘Aberto por Reformas’ da Radio Galega e participou en directos colaborando con outros grupos de sona.