Pasar al contenido principal
STG

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC leva a Lugo a compañías teatrais de Brasil, México, Sevilla e Ourense

O encontro celebrarase paralelamente no Campus de Santiago

O XIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC reunirá no Campus de Lugo a representantes de compañías universitarias de Brasil, México, Sevilla, Ourense e a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Lugo Cultural organiza entre os días 21 e 28 de marzo este festival que inclúe na súa programación, ademais das representacións, exposicións, charlas e debates que se celebrarán en diferentes puntos da cidade de Lugo. Nas mesmas datas o festival desenvolverase no Campus de Santiago.
O programa de actividades do certame presentouse este xoves 15 en Lugo, nun acto ao que asistiron os vicerreitores de Cultura e de Coordinación do Campus lugués, Elías J. Torres Feijó e Carlos Herrero Latorre, respectivamente; o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta, Xoán Xosé Molina Vázquez; a concelleira de Lugo, Concepción Burgo; o Xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; o director da Área Cultural da USC, Pablo Sampedro; a encargada da Área de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde; e a deputada provincial Fé Rocha.
O vicerreitor de Cultura insistiu en que Lugo constitúe unha capital galega e internacional en actividades culturais e eloxiou o modelo “extraordinario de cooperación” que é Lugo Cultural. Pola súa banda, Paloma Lugilde destacou do programa de actividades as estreas de varias pezas e a participación de dez compañías de teatro diferentes, ademais de actividades complementarias ás representacións como son exposicións e conferencias. O achegamento ao público desta edición tamén se ve reforzado pola inclusión de coloquios entre os asistentes e as compañías tras cada actuación. As entradas ás representacións son de balde pero é necesario recollelas con anterioridade no despacho de billetes que abrirá trinta minutos antes de que comece cada función.
Programa en LugoAs representacións comezarán o vindeiro mércores 21 coa estrea, ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire da obra ‘O Público’ de Federico García Lorca, a cargo da Compañía de Teatro da USC-Lugo. O xoves 22, tamén ás 21:00 horas e no mesmo lugar a compañía Mariacastaña, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, interpretará a obra ‘Unicornio’ de Fernando Dacosta e o venres 23 será a quenda da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla con ‘Soliloquios’ obra baseada en textos de Darío Fo e Franca Rame.
Para o sábado 24 a cita é dobre, xa que o Círculo das Artes acolle ás 18:00 horas ‘Pirula no vertedoiro’ de Marcelino de Santiago (Kukas), interpretada pola Compañía de Marionetas da USC-Lugo, e ás 21:00 horas no Gustavo Freire a compañía Casahamlet pon en escena ‘O cuarto do Príncipe’ de Manuel Lourenzo. O domingo 25 os interesados poden asistir ás representacións da compañía da USP de Brasil que interpretarán ‘Holocausto’ de Cía dos Outros ás 18:00 horas no Círculo das Artes e ‘Incubadora’ de Iván Andrade e Núcleo Risco, ás 21:00 horas no Gustavo Freire.
As actividades continúan o luns 26 coa obra ‘A doncela guerreira’ de Rafael Dieste levada á escena por Monicreques de Kukas, ás 18:00 horas no Círculo, e ‘Trufaldino, servidor de dous amos’ de Carlo Goldoni, no Gustavo Freire ás 21:00 horas coa Compañía de Teatro da USC-Santiago.
O martes 27 será México o país invitado para representar a obra ‘Clotilde en su casa’ de Jorge Ibarguengoitia, ás 21:00 horas tamén no Gustavo Freire. Para o mércores 28 están previstos novos pases para asistir á representación de ‘O Público’ ás 18:00 e 23:00 horas.
Ademais das representacións e mostras teatrais o Centro de Artesanía e Deseño acollerá en horario de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, a exposición ‘Os monicreques de Kukas’. O profesor da USC Uxío Otero impartirá a conferencia ‘Romances, guiñol e teatro nas misións pedagóxicas’, a celebrar no Círculo das Artes o luns, día 26, ás 19:00 horas despois da función de monicreques prevista para ese día, e esta mesma compañía estreará a peza de teatro ‘Sen título’ no Gustavo Freire o día 2 de maio, como peche á exposición.
Programa en SantiagoNo Campus de Santiago, o XIII Festival Internacional de Teatro Universitario dará comezo o vindeiro mércores, día 21, ás 19:00 horas, na Sala Roberto Vidal Bolaño do Auditorio Universitario coa obra de Shakespeare titulada ‘Explosion of a memory’ a cargo do grupo EventProduktion da Universidade alemá de Ciencias Aplicadas de Konstanz. Deseguido ás 21:30 horas, o Teatro Principal acollerá á Compañía de Teatro da USC que representarán ‘Triufaldiño Servidor de Dous Amos’, escrita por Carlo Goldoni.
Ao día seguinte, o centro docente xermán repetirá a súa actuación no mesmo lugar e hora; mentres que a compañía brasileira Cia. dos Outros levará a escena ás 21:30 horas no Teatro Principal a súa obra ‘Holocausto’.
Durante o venres 23, a Escola de Teatro Casahamlet interpretará no Teatro Principal ‘Lili Cuartel’ de Manuel Lourenzo e, o sábado 24, a compañía Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense fará o propio no mesmo escenario coa obra teatral ‘Unicornio’ de Fernando Dacosta. Pola súa banda, a Sala Roberto Vidal Bolaño será o lugar onde, os mesmos días, Iván Andrade e Núcleo Risco representarán ‘Incubadora’ ás 19:00 horas.
O domingo, día 25, ás 19:00 horas, as actuacións continuarán na sala do Auditorio situado no Campus Sur santiagués co grupo lituano Teatro Estudio Palepé da Universidade Técnica de Vilnius Gediminas que representará ‘Kostiumas’, baseada nun relato de Ray Bradbury. Logo, ás 21:30 horas no Teatro Principal, será a quenda da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla con ‘Soliloquios’, obra inspirada en textos de Darío Fo e Franca Rame.
No transcurso do luns 26, a compañía lituana repetirá a súa actuación á mesma hora e lugar; mentres que, no Teatro Principal será México o país invitado para representar a obra ‘Clotilde en su casa’ de Jorge Ibarguengoitia, ás 21:00 horas.
Na xornada seguinte, a Sala Roberto Vidal Bolaño acollerá ás 19:00 horas a representación de ‘A noite xusto antes dos bosques’, escrita por Bernard Koltès e representada pola Escola de Teatro Espacio Aberto. A continuación, ás 21:30 horas no Teatro Principal, a Compañía de Teatro do Campus de Lugo da USC porá en escena a obra teatral ‘O Público’ de Federico García Lorca como peche do programa en Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.03.2007.