Pasar al contenido principal
STG

Cincuenta estudantes de ensino medio de Galicia asisten este xoves na USC á Master Class de Partículas Elementais

A experiencia práctica desenvolverase simultaneamente en varios centros de Europa

Cincuenta estudantes de ensino medio de toda Galicia participarán este xoves, día 29, na Facultade de Física, na Master Class de Partículas Elementais que, no seu terceiro ano de celebración, ten por obxecto aproximar aos mozos europeos á Ciencia.
A clase maxistral, que dará comezo ás 9:30 horas e rematará ás 18:00 horas, consta de dúas conferencias introdutorias sobre as principais preguntas que tenta contestar a Física de Partículas, de que están feitas as cousas e cales son os constituíntes da materia e cal e a orixe do Universo. A continuación terá lugar unha práctica na que os estudantes identificarán as partículas que aparecen en rexistros realizados en detectores. Esta práctica levarase a cabo simultaneamente en varios centros de Europa e os resultados obtidos iranse comunicando e intercambiando por videoconferencia.
Este ano asisten alumnos dos Institutos Rosalia de Castro e Sar, de Santiago; Antón Losada e García Barros, da Estrada; Felix Muriel, de Rianxo; As Lagoas, de Ourense; Ames; Ponteceso; Numero 1 de Ordes; Cee; e Alfredo Brañas, de Carballo. En Europa participan conxuntamente coa USC diversas Universidades europeas como a de Bonn, Mons ou Cracovia, entre outras, conxuntamente co Centro Europeo de Partículas Elementais (CERN) e o Laboratorio Nacional americano de Brookhaven. A coordinación na USC correspóndelle aos profesores Jaime Alvarez Muñiz, Juan José Saborido e Carlos Pajares, coa colaboración de Víctor Olmos e Ines Valiño e do Servizo de Medios Audiovisuais (SERVIMAV) da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.03.2007.