Pasar al contenido principal
STG

A Escola Politécnica Superior acolle a presentación dos resultados do FORSEE

A Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus de Lugo acolle este luns 23 unha xornada dedicada á presentación dos resultados obtidos polo grupo galego que integra o proxecto europeo FORSEE, sobre xestión sostible dos montes. Participan neste proxecto a EPS, a Dirección Xeral de Montes da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia e a Asociación Forestal de Galicia.
O programa comeza coa apertura da xornada, ás 9:45 horas, por parte do director da escola, Javier Bueno Lema, antes da posta en común dos resultados obtidos sobre ‘Xestión Forestal Sostible: criterios e indicadores avaliados’. Nesta mesa de traballo na que participarán o profesor de Dasometría e Inventario Forestal, Juan Gabriel Álvarez González; o profesor de Sanidade Forestal, Francisco Javier Fernández de Ana Magán; o profesor de Silvicultura, Roque Rodríguez Soalleiro; o investigador do Laboratorio do Territorio da USC, Emilio Díaz Varela; o profesor de Edafoloxía, Agustín Merino García; e o profesor de Proxectos e Planificación, Manuel Marey Pérez. Estarán moderados polo xefe do Servizo de Xestión de Montes da Consellaría do Medio Rural, Jacobo Aboal Viñas.
Ás 12:00 horas terá lugar a segunda posta en común de resultados na que se falará sobre a Investigación e Certificación da Xestión Forestal Sostible, neste caso moderados polo profesor da EPS e presidente da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Javier Fernández de Ana Magán. Presentarán as súas conclusións o director xerente da Unión de Silvicultores do Sur de Europa, Óscar Barreiro Mouriz; o vicepresidente da Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal PEFC en Galicia, Manuel Marey Pérez; o director do Instituto Europeo do Bosque Cultivado, Christophe Orazio; o coordinador do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC, Alberto Rojo Alboreca; e a representante do grupo de traballo sobre Sistemas Agrofestais da USC, Rosa Mosquera.
O programa FORSEE ‘Xestión sostible dos montes: unha rede europea de zonas piloto para o posta a punto operacional’ implica a nove zonas europeas. Por parte de España inclúese Galicia, País Vasco, Navarra e Castela León e no proxecto colaboran asociacións forestais, empresas e universidades entre as que se atopa a USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2007.