O programa do ciclo 'Unha andaina polas matemáticas' prosegue cunha conferencia sobre a xeometría de membranas e vesículas
O ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas 2007’ contará na sesión do próximo luns, día 23, coa presenza do profesor da Universidade do País Vasco Óscar J. Garay que pronunciará a conferencia ‘A xeometría de membranas e vesículas’. Esta intervención desenvolverase a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
A próxima cita deste ciclo será o día 7 de maio coa participación da profesora do Departamento de Latín e Grego da USC María Teresa Amado Rodríguez coa conferencia ‘As matemáticas gregas: nacemento e madurez dunha ciencia’.
Tres créditos de libre configuraciónOs estudantes da USC inscritos neste ciclo poderán validar un total de tres créditos de libre configuración pola súa asistencia e participación nun mínimo de nove das dez sesións programadas. No seu conxunto, o ciclo articúlase nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes serán docentes e investigadores universitarios procedentes da propia USC e de centros do País Vasco, Valladolid ou Granada, así como profesores do ensino secundario.
O obxectivo das distintas sesións previstas é amosar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas, tanto nas propias matemáticas como en disciplinas como a Arte, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Sociais, Enxeñaría, Física, Informática, Música e Química.