Pasar al contenido principal
STG

Relacións Laborais analizará as enfermidades profesionais, os conflitos de traballo e o traballo autónomo na segunda sesión das xornadas sobre actualidade xurídico-laboral

A Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo analizará este martes, día 24, no transcurso dunhas xornadas sobre temas de actualidade xurídico-laboral diversas cuestións como as enfermidades profesionais, o traballo autónomo, ou os conflitos laborais entre outros temas a tratar durante toda a semana.
Deste xeito, os relatorios previstos para a segunda sesión comezarán ás 9:00 horas co director médico do Polusa, Santiago Díaz de Freijo, quen falará sobre a reforma das enfermidades profesionais. A continuación a directora xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia, Pilar Cancela Rodríguez, disertará sobre a responsabilidade do traballador en materia preventiva, e para rematar o cartel da mañá, ás 12:30 horas, o secretario xeral da Unión de Profesionais eTraballadores Autónomos (UTA-Galicia), Eduardo Abad Sabariz ofrecerá un estudo sobre a lei do estatuto do traballo autónomo.
A xornada se reanudará ás 16:00 horas cunha mesa redonda na que participarán os representantes das organizacións sindicais UGT, CCOO e CIG con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia. Estarán moderados polo presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández López. A continuación será a quenda da profesora de Dereito do Traballo e Seguridade Social da USC, Yolanda Maneiro Vázquez, quen falará sobre a solución extraxudicial de conflitos de traballo, seguida pola tamén profesora de Dereito do Traballo Consuelo Ferreiro Regueiro que analizará as posibilidades dos códigos de conduta como substitutos á negociación colectiva.
A última das xornadas comezará ás 9:00 horas e estará tamén dedicada a temas tan diversos como as auditorías laborais, o traballo dos inmigrantes non comunitarios, ou o réxime especial dos empregados do fogar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2007.