Pasar al contenido principal
STG

A Cátedra de Empresa Familiar da USC organiza en Boiro un seminario sobre as particularidades e problemática xurídica deste tipo de sociedades

A Cátedra de Empresa Familiar da USC organiza este mércores, día 11, un seminario na Asociación Empresarial de Boiro sobre a problemática xurídica e as particularidades da empresa familiar. Entre os contidos a tratar, analizarase a problemática derivada da sucesión non planificada nestas empresas e a reforma de 2007 do seu réxime fiscal.
A xornada comezará ás 17:00 horas cun acto de presentación ao que acudirán o alcalde da cidade, Xosé Deira Triñanes; o presidente da Asociación Boirense de Empresarios, Luís González Maceiras; e a directora da Asociación Galega de Empresa Familiar, Paula Horta. A continuación comezarán o relatorios, sendo a primeira quenda para o avogado da empresa Babío Avogados, Manuel Babío, quen falará sobre as relacións familia-empresa, o problema da sucesión familiar no negocio e o proceso do protocolo familiar. O segundo dos relatorios correrá a cargo do inspector de Facenda, Luis Lage de la Fuente, que explicará o novo réxime fiscal da empresa familiar e do empresario e incidencia na sucesión.
Para rematar a xornada, ás 18:30 horas, o consultor tributario Antón Beiras disertará sobre ‘As vantaxes, inconvenientes e métodos das reestruturacións empresariais’. A entrada aos relatorios é libre.
Cátedra de Empresa Familiar da USC

A Cátedra da Empresa Familiar creose en 2005 en virtude dun convenio de colaboración e patrocinio entre a USC e Caixanova, Inditex, a Asociación Galega de Empresa Familiar e o Instituto da Empresa Familiar. Entre os seus obxectivos se atopan a análise, a investigación e a docencia da realidade, problemática e perspectivas da empresa familiar dende múltiples puntos de vista, ocupándose de desenvolver os programas formativos e as tarefas de investigación que contribúan a mellorar a formación dos estudantes nesta materia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2007.