Continúa aberto o prazo para participar no Certame de Fotografía do 150 aniversario da Facultade de Farmacia
A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa Agrupación Mutual Aseguradora (AMA), mantén aberto ata o vindeiro día 13 o prazo para participar no certame de fotografía co que, entre outras actividades, se conmemora o 150 aniversario deste centro universitario compostelán.
No concurso, dirixido a toda persoa interesada e cunha temática libre, establécense as categorías de fotografía tradicional e fotografía dixital. Os premios concederanse tamén en función das devanditas modalidades; mentres que na categoría dixital será único de 250 euros e elixirase por votación popular a través da web do 150 aniversario, na modalidade tradicional será un xurado o que decida o primeiro premio, dotado con 750 euros, o segundo con 500 e un terceiro con 250 euros, este último concedido entre os integrantes ou licenciados da Facultade de Farmacia da USC.
O xurado do certame estará presidido polo decano da Facultade de Farmacia, José Miñones Trillo, e composto por profesores, fotógrafos e membros do mundo da imaxe, que valorarán a orixinalidade, calidade artística, contido e actualidade das imaxes presentadas. Será tamén o xurado o que seleccione a serie de fotos que se exhibirán nunha exposición a celebrar na Facultade e que posteriormente formarán parte dun catálogo.
Certame de Debuxo, Pintura e EsculturaCon motivo do seu 150 Aniversario, a Facultade de Farmacia tamén está a organizar na actualidade un certame de debuxo, pintura e escultura que se convocará en breve. Todos os interesados poderán participar cun máximo de dúas obras de temática libre e inéditas.
Os galardoados en primeiro lugar nas seccións de pintura e escultura recibirán 300 euros e os segundos 150 euros. Por outra banda, na modalidade de debuxo o primeiro premio estará dotado con 200 euros e o segundo con 100 euros.