Pasar al contenido principal
STG

As Xornadas de Estudos e Formación en Xénero analizan na USC a realidade sociolaboral da muller

As Xornadas de Estudos e Formación en Xénero que organiza o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) inauguráronse este mércores na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) nun acto ao que asistiron a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; a vicerreitora de Calidade e Planificación, María Dolores Álvarez; a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán; o decano de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a directora das xornadas, Ana María Porto; e a directora do CIFEX, Rita Radl.
Ata o venres 1 de xuño abordaranse as temáticas específicas ‘Mulleres e mercado de traballo’ e ‘Estudos de Mulleres e Xénero no contexto de Bolonia’, que constitúen puntos claves dos Estudos das Mulleres e do Xénero. O encontro serve ademais para dar a coñecer a situación actual dos estudos de xénero na Universidade á vez que se reflexionará sobre a súa institucionalización, paso que vén de dar a USC coa posta en marcha do Programa Oficial de Posgrao ‘Educación, Xénero e Igualdade’.
ProgramaLogo do acto inaugural tivo lugar a conferencia ‘Estudos das mulleres en Europa: retos de futuro’ a cargo de Capitolina Díaz, directora da Unidade Muller e Ciencia do Ministerio de Educación e Ciencia. Deseguido, e baixo o título ‘A cuestión do xénero no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)’ desenvolveuse unha mesa redonda na que participaron a vicerreitora de Calidade da USC; a subdirectora xeral de Universidades, Isabel Doval; e a profesora Rita Radl.
Na tarde do mércores hai outro debate sobre alumnas e alumnos no EEES no que interveñen estudantes do Programa Erasmus e representantes de grupos estudantís da USC, que exporán o seu punto de vista sobre a cuestión de xénero na Universidade. A continuación, as profesoras do CIFEX Begoña Gómez e Josefa Mosteiro imparten un seminario sobre a investigación e os estudos das mulleres e do xénero e as súas repercusións no contexto da USC.
Xa o xoves, día 31, a sesión comezará ás 9:00 horas coa intervención da presidenta de Alecrín, Ana Míguez, sobre o ‘traballo do sexo’ e continuará cunha mesa redonda titulada ‘Inmigración, xénero e mercado de traballo’. Pola tarde, a partir das 16:00 horas, a profesora da Complutense María Antonieta García de León pronunciará a conferencia ‘Elites profesionais: carreiras e atrancos’. A xornada pecharase cun seminario sobre os programas de inserción laboral dende a perspectiva de xénero.
Na última sesión, a do venres 1 de xuño, a directora do Servizo Galego de Igualdade, Luisa Bouza, explicará a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres, cuestión que logo será ampliada nunha mesa redonda na que participarán diversos representantes sindicais. Por último, as Xornadas pecharanse cunha conferencia a cargo do profesor Jorge García Marín sobre a imaxe das mulleres no mercado de traballo a través da publicidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2007.