Pasar al contenido principal
STG

O I Congreso Galego da Mocidade Investigadora celebrarase na Facultade de Matemáticas da USC o vindeiro mes de outubro

O I Congreso Galego da Mocidade Investigadora celebrarase na Facultade de Matemáticas da USC no mes de outubro co obxecto de establecer unha cita anual que permita examinar o estado da investigación en Galicia, expoñendo, difundindo e publicando os resultados dos traballos que se veñen realizando en todas áreas de coñecemento.
Esta iniciativa diríxese preferentemente a estudantes de Terceiro Ciclo e últimos anos das licenciaturas que, en calidade de observadores ou comunicadores, teñan interese por expor e publicar as súas produción científicas e discutir as problemáticas da actual conxuntura da investigación.
Todas aquelas persoas interesadas en participar coa presentación de relatorios deberán enviar o texto completo da súa comunicación antes do día 30 de xuño. A matrícula para o resto de participantes permanecerá aberta ata o día 24 de outubro.
Ademais das comunicacións interdisciplinarias que se presenten, o programa contempla dúas conferencias plenarias sobre os temas ‘Da investigación profesional á investigación como profesional’, a cargo de Xosé Álvarez da Asociación Precarios Galicia, e ‘O investigador como motor de desenvolvemento social’, do profesor da EPS Jorge Molinero. Ademais, celebraranse dúas mesas redondas nas que se analizarán os retos e desafíos do profesional investigador no século XXI e cuestións relacionadas coa ética e compromiso social no investigador e na pesquisa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2007.