O seminario de Estudos de Seguridade e Defensa USC-CESEDEN participa nunha sesión sobre cooperación europea
O seminario de Estudos de Seguridade e Defensa USC-CESEDEN participa na sexta sesión informativa sobre a Organización internacional para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE) que organiza a Asociación Helsinki España xunto co Ministerio de Asuntos Exteriores. Durante a xornada, que se celebrará este xoves 12 no Salón de Grados da Facultade de Dereito, abordaranse cuestións como a cooperación europea ou as oportunidades de emprego que brinda a OSCE, presidida por España durante o ano 2007.
A xornada, que dará comezo ás 19:00 horas, contará coas charlas dos profesores da USC, Carlos Teijo e José Julio Fernández. Ademais, no acto tamén participarán a secretaria xeral da Asociación Helsinki España, Ana Nieto, explicando o labor desta agrupación destinado á formación en Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais.
Na mesma liña, o director de Asuntos Multilaterais e OSCE, Enrique Asorey, e o ex observador internacional en Misións OSCE en Bosnia Herzegovina e Croacia, Alejandro Espinosa, informarán sobre os requisitos para participar nas operacións humanitarias que leva a cabo este organismo internacional.
Durante este mes, estas charlas informativas repetiranse nas universidades de San Pablo CEU de Madrid, Barcelona, Valencia e Deusto. Calquera estudante universitario interesado en participar pode obter máis información sobre este proxecto na Asociación Helsinki España.