Pasar al contenido principal
STG

A profesora da Universidade do País Vasco Marta Macho protagoniza nunha nova sesión do Seminario Vidal Abascal

A profesora da Universidade do País Vasco Marta Macho Stadler participa este xoves 12 no programa de actividades do Seminario Vidal Abascal do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC. A conferencia que impartirá a partir das 16:30 horas na Aula 7 da Facultade de Matemáticas leva por título ‘Técnicas no conmutativas no estudo de espazos foliados’.
Nesta conferencia a profesora Macho Stadler explicará a estreita relación que existe entre os espazos de natureza xeométrica e as funcións ou observables definidas neles. Tamén mostrará como asociar funcións ou observables máis xerais, que non conmutan, a certos fenómenos de natureza dinámica.
A profesora Marta Macho Stadlercompaxina a súa actividade investigadora na eido da xeometría non conmutativa cun traballo constante a prol da difusión do saber matemático e do recoñecemento do papel da muller no avance científico. É autora de numerosas contribucións, tanto en forma de artigos, como conferencias e cursos de carácter divulgativo, e impulsora da iniciativa “Un paseo por la Geometría y la Topología” na UPV-EHU, un formato de curso de libre configuración que hoxe ofertan outras moitas universidades, entre elas a USC, cun notable éxito.
Durante os dous últimos anos, Marta Macho coordinou a Rede Española de Topoloxía, ao tempo que formaba parte da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do Comité Español de Matemáticas (CEMAT). Ademais, tamén participa na Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española dende a súa creación.
Visitante asidua do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC, logo desta conferencia tamén participará no ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas Matemáticas’ coa intervención ‘Sorpresas e desenganos’.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario cambia o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do citado Departamento e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.04.2007.