O cantautor portugués Sérgio Godinho ofrece no Paraninfo da USC o recital-coloquio 'Venho aquí falar'

O cantautor portugués Sérgio Godinho ofrecerá o vindeiro martes, día 10, a partir das 19:30 horas o recital-coloquio ‘Venho aquí falar’ no Paraninfo da USC, na Facultade de Xeografía e Historia, organizado pola Vicerreitoría de Cultura. Neste encontro que conducirá Anxo Quintela, Sergio Godinho combinará a conversa distendida e familiar coa interpretación dalgunhas das súas cancións.
Sérgio Godinho, nacido no Porto en 1945, leva máis de 30 anos desenvolvendo a súa carreira como un dos grandes artistas da música portuguesa, así como no mundo do cinema, da televisión e do teatro. Nos anos 60 saíu de Portugal fuxindo da guerra colonial e chegou a París onde tomou contacto con José Mário Branco, Zeca Afonso e Luís Cília e gravou o seu primeiro traballo discográfico en solitario “Os sobreviventes”. Desde entón a súa carreira non parou, regresando a Portugal despois da Revolución do 25 de Abril. O seu traballo máis recente, “Ligação directa” foi editado o pasado ano 2006.