As xornadas 'Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación' comezan este venres na Facultade de Matemáticas
Co fin de desenvolver a inclusión das persoas con diversidade funcional dentro dos centros universitarios, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC organiza entre os días 13 e 15 de abril na Aula Magna da Facultade de Matemáticas as xornadas ‘Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’.
No transcurso deste encontro o Servizo de Participación e Integración Universitaria presentará a proposta da USC en materia de protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais. A de Santiago é a primeira universidade galega que edita estes protocolos que se complementarán co desenvolvemento de talleres prácticos para a aplicación dos citados protocolos baixo a coordinación de técnicos de COGAMI, ONCE e FAXPG. Ademais, e como xa sucedera na pasada edición do curso de formación en Voluntariado, a secretaria técnica do encontro contratou traballadores do colectivo Down Compostela, nunha aposta polo fomento da participación das persoas con necesidades específicas na vida diaria da USC.
No seu conxunto, as sesións académicas previstas teñen como obxectivo desenvolver entre os asistentes as habilidades básicas para a actuación neste eido e desterrar estereotipos sobre as capacidades das persoas con necesidades especiais, continuando así con algunhas das cuestións tratadas con anterioridade no pasado ‘IV Curso de Formación Básica en Voluntariado’.
Así, neste encontro abordaranse temas como os retos do Espazo Europeo de Educación Superior cara a formación de profesionais con diversidade funcional, os protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais, as adaptacións curriculares ou o tratamento do alumno con diversidade funcional na Educación Secundaria, entre outros.
Ademais do desenvolvemento de varios talleres prácticos, o curso tamén acollerá a proxección da película ‘Inside I’m dancing’ e a presentación do centro de Documentación de Vida Independente por parte dun representante da Asociación AMBAR e membro do Foro de Vida Independente, Antonio Novoa.
Con máis de mil asistentes durante a anterior edición, estas conferencias e talleres organízanse en colaboración coa Xunta de Galicia, Bancaja, Once, Cogami e a Federación de Asociacións de Enfermos Mentais de Galicia.
Programa das xornadasA inauguración oficial do encontro celebrarase este venres 13 ás 9:30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas no transcurso dunha sesión presidida polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos. Deseguido, o profesor da Universidade de Valencia Francisco Alcantud pronunciará a conferencia ‘Os retos do Espazo Europeo de Educación Superior de cara á formación de profesionais con diversidade funcional’. A sesión matinal completarase coa presentación do relatorios ‘Os protocolos para a integración de persoas con discapacidade: unha proposta da USC’ a cargo do coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier F. Agrafojo, e da integrante deste mesmo servizo, Cristina Boo Paradela.
Pola tarde, a partir das 16:00 horas, a licenciada en Dereito pola USC Ánxela López analizará as consecuencias da aplicación da Lei 39/2006 de 14 de decembro de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia na integración do alumnado con discapacidade na Universidade. A continuación, desenvolveranse diversos talleres sobre as normas de actuación con persoas con discapacidade visual, auditiva e física. Coordinados por técnicos da ONCE, da Federación de Xordos do País Galego e da COGAMI, os talleres celebraranse simultaneamente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas facultades de Bioloxía e Matemáticas, respectivamente.