'Sorpresas e desenganos', tema dunha nova sesión do ciclo 'Unha andaina polas mátemáticas'
A profesora da Universidade do País Vasco Marta Macho Stadler intervirá o vindeiro luns, día 16, no ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’ coa conferencia ‘Sorpresas e desenganos’. A sesión desenvolverase a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
As paradoxas abundan tanto na vida cotiá, como na Ciencia e a Arte. Partindo desta consideración, a conferencia de Marta Macho pretende insistir nesta idea a través da presentación dunha ampla listaxe de paradoxas visuais, xeométricas, do infinito, lóxicas, semánticas, da vaguedade, da confirmación, da predición, físicas e topolóxicas.
Marta MachoA profesora Marta Macho Stadlercompaxina a súa actividade investigadora na eido da xeometría non conmutativa cun traballo constante a prol da difusión do saber matemático e do recoñecemento do papel da muller no avance científico. É autora de numerosas contribucións, tanto en forma de artigos, como conferencias e cursos de carácter divulgativo, e impulsora da iniciativa “Un paseo por la Geometría y la Topología” na UPV-EHU, un formato de curso de libre configuración que hoxe ofertan outras moitas universidades, entre elas a USC, cun notable éxito.
Durante os dous últimos anos, Marta Macho coordinou a Rede Española de Topoloxía, ao tempo que formaba parte da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do Comité Español de Matemáticas (CEMAT). Ademais, tamén participa na Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española dende a súa creación.