Antonio González Espina, da empresa Espina Obras Hidráulicas, nunha nova sesión do ciclo de charlas con directivos de empresas do Polígono Industrial do Tambre
O directivo da empresa Espina Obras Hidráulicas, Antonio González Espina, impartirá o vindeiro luns 16 unha nova conferencia do ciclo de charlas-coloquio con empresarios do Polígono Industrial do Tambre que organiza a Aula de Práctica Empresarial da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. A intervención desenvolverase a partir das 12:00 horas no Salón de Graos deste centro compostelán.
Con este ciclo preténdese que os directivos participantes, todos eles empresarios do Polígono do Tambre, acheguen aos asistentes a súa experiencia empresarial, dende os seus inicios ata a consolidación no mercado ao tempo que analizar a situación actual do sector no que desenvolven a súa actividade. As intervencións compleméntanse cun coloquio cos universitarios participantes no ciclo.
A próxima cita deste ciclo que coordina a profesora Loreto Fernández Fernández consistirá nunha visita ao propio Polígono Industrial, na semana do 23 ao 27 de abril. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do día 20 de abril no decanato da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A participación nesta visita, de prazas limitadas, farase respectando a orde de inscrición e dándolle prioridade ás persoas que asistiran ás catro primeiras charlas do ciclo.