Pasar al contenido principal
STG

A USC e a Xunta de Persoal asinan un acordo para a equiparación retributiva do Persoal Funcionario de Administración e Servizos

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente e secretario da Xunta de Persoal da USC, Anxo Doval e Luis Vila, respectivamente, asinaron este martes 17 un acordo para a equiparación retributiva do Persoal Funcionario de Administración e Servizos da USC.
O acordo, con vixencia para o período 2007-2009, suporá o pagamento aos funcionarios universitarios dun complemento que terá efectos económicos dende o día 1 de xaneiro de 2007, articulado en dúas partes, a primeira con carácter consolidable e a segunda conforme criterios de produtividade.
A primeira cantidade deste pagamento terá en conta o nivel de complemento de destino e o número de trienios que ten perfeccionados cada funcionario a día 1 de xaneiro do ano ao que se refire o pagamento. Deste xeito, para 2007 acórdase un pagamento de entre 400 e 450 euros, en función do nivel, complemento de destino e antigüidade. Para o exercicio de 2008, unha vez aplicados os incrementos anuais que establezan as Leis de orzamentos, incrementarase a cantidade anterior en 175 euros e para o exercicio 2009, unha vez actualizado o incremento anual, en 100 euros. Nesta mesma parte incluirase unha cantidade anual destinada a compensar as diferenzas que polo concepto de antigüidade existan co persoal laboral da USC.
A segunda parte do pagamento está destinada a retribuír aquelas accións que fomenten a mellora da calidade do servizo. Con carácter xeral, o acordo establece o obxectivo común a todos os servizos de reducir os indicadores de absentismo laboral e a maiores con cada unidade fixaranse as accións concretas para cada exercicio. Deste xeito, a USC destinará, en concepto de produtividade 75.000 euros en 2007, 125.000 en 2008 e 175.000 en 2009. O seu pagamento realizarase nos meses de xaneiro seguintes ao ano correspondente.
O obxectivo do acordo é introducir novos mecanismos retributivos no ámbito do persoal de administración que acompasen a dinámica actual de mellora continua e de revisión permanente de procesos e, no seu caso, o mantemento ou consecución das certificacións de calidade realizando previamente os correspondentes procesos de avaliación. Deste xeito, preténdese camiñar “cara a equiparación retributiva do PAS co resto do persoal do Sistema Universitario Galego”, segundo se recolle no acordo.
O documento subscrito pola USC e a súa Xunta de Persoal fixa cinco fins concretos como son adoptar aquelas medidas que permitan mellorar a calidade de vida dos empregados públicos e favorezan a conciliación da vida familiar e laboral e través da implantación de horarios flexibles; reducir o absentismo laboral; propiciar a elaboración de manuais de procedemento; mellorar as condicións retributivas dos empregados e afondar na mellora continua, revisión de procesos e mantemento ou consecución de certificacións de calidade.
Dentro deste mesmo marco, o acordo establece a necesidade de definir os servizos a avaliar nos dous anos seguintes e iniciar os procesos de auditoría externa para os servizos que xa gozan de certificación. Outras accións contempladas no documento asinado fan referencia á implantación de horarios flexibles; á definición dun modelo retributivo incentivador que permita avaliar a produtividade persoal de xeito diferenciado; e finalmente, á necesidade de facilitar a formación necesaria así como a realización de talleres que permitan definir os estándares do Manuel de Procedemento que necesita a institución.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.04.2007.