Pasar al contenido principal
STG

A USC propón aos grupos municipais liñas de colaboración co Concello de Santiago

O consello de dirección da USC reuniuse recentemente cos membros das candidaturas do PP, BNG e PSOE á alcaldía de Santiago que se presentan ás eleccións municipais do 27 de maio. Nas xuntanzas, os responsables universitarios presentáronlles un documento que recollía propostas de colaboración co Concello.
Partindo da premisa de que a USC é un dos motores económicos, sociais e culturais da capital de Galicia, o consello de dirección entende que as relacións de cooperación coa institución municipal e co seu goberno deben centrarse fundamentalmente en tres eixes como son o Campus sen coches, os impostos municipais e un novo campus para o século XXI.
Campus sen cochesOs responsables universitarios consideran necesaria a valorización e humanización dos campus para, en definitiva, recuperar o concepto de “residencia” aínda que estendido á toda a súa gran superficie á vez que se exploren vías de actuación conxunta en relación coas instalacións deportivas.
A utilización do Campus Sur para o lecer dunha ampla zona da cidade é unha posibilidade cada vez máis coutada polo excesivo tránsito de vehículos e máis a conversión en zona de aparcamento a baixo custe para quen accede a Compostela polo sur, o que supón “un trastorno permanente e crecente para a actividade universitaria”. Neste sentido proponse a definición de novas liñas de autobús que axilicen a comunicación entre campus así como o fomento do emprego da bicicleta para o que se fai necesario habilitar zonas ou carrís que favorezan o seu tránsito.
Un novo Campus para o século XXI As previsións de crecemento dos campus para o futuro e a planificación a longo prazo que se quere encetar esixen novas edificacións e infraestruturas que requiren espazos e terreos en diferentes zonas do concello. A isto súmase a necesidade de conservar e rehabilitar os vellos edificios históricos da USC que son patrimonio da cidade. Neste senso, a colaboración concello-universidade nas instancias con competencias e financiamento, nomeadamente o Consorcio, resulta “de obrigada planificación”.
“Só da colaboración entre a cidade e a USC pode saír a satisfacción desas necesidades, que se reflectirán nun novo Campus para o século XXI, dentro dos límites do municipio ou en concellos colindantes”, apunta o documento universitario.
Fiscalidade municipalA recente aprobación da LOU require para os responsables da USC dun novo convenio entre ambas institucións. A universidade –argumentan-, en canto empresa que aporta unha actividade mensurable no termo municipal, “aspira a un tratamento equiparable” a outras actividades económicas en relación coa construción e reforma de edificios e facilitar así o seu desenvolvemento, crecemento e expansión.
Algúns ámbitos de colaboraciónPara a consecución destes obxectivos no documento formúlanse accións concretas en diversos ámbitos de actuación. Así, no campo cultural, deportivo e institucional reclámase a colaboración estable do Concello co Grupo Compostela de Universidades, a presenza da USC na propaganda turística e exterior dos concellos, profundar nunha rede de intercambio de espazos para a realización de eventos entre a USC e a Cámara Municipal de Santiago ou a colaboración na celebración de efemérides da Universidade que son da cidade, como por exemplo os 25 anos de Física e Feuga, os 150 de Farmacia ou os 400 do Colexio San Clemente.
No que respecta á actividade económica, propóñense a convocatoria de prácticas internacionais en empresas latinoamericanas a través da Oficina de Promoción Económica do Concello ou a posta en valor da rede universitaria en beneficio do tecido empresarial.
Co fin de lograr o recoñecemento dos campus nos parques públicos que son, solicítase unha maior e adecuada dotación de servizos para a recollida de residuos, unha correcta iluminación que evite a contaminación lumínica así como a divulgación da riqueza florística dos campus e a protección e fomento das especies vexetais autóctonas nestas zonas universitarias.
Finalmente, no que se refire ás infraestruturas e planificación, e alén do indicado anteriormente, o documento reclama especial atención ao desenvolvemento urbanístico derivado da ampliación do campus e do novo campus.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2007.