Pasar al contenido principal
STG

Presentación do libro Canadá y la Unión Europea. Visión multidisciplinar de la gestión pesquera

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolle este xoves, día 10, o acto de presentación do libro Canadá y la Unión Europea. Visión multidisciplinar de la gestión pesquera, cuxa edición correu a cargo de Rosa García-Orellán coa colaboración de Xosé Santos Solla, director do Cetur da USC. A este acto público de presentación, que se desenvolverá ás 12:30 horas, asistirá o ministro conselleiro da Embaixada de Canadá, Stuart Savage, e os vicerreitores de Cultura e de Relacións Institucionais da USC, Elías Torres e Lourenzo Fernández, respectivamente.
Os recursos pesqueiros son unha excelente fonte de alimentación e teñen unha extraordinaria importancia polo emprego que crean e o modo de vida que xeran. Canadá y la Unión Europea. Visión multidisciplinar de la gestión pesquera analiza a actividade pesqueira principalmente no século XX, pero pon tamén de manifesto como xa desde o XVI ingleses, bretóns, vascos, galegos e portugueses se organizan para acudir con este fin ás costas de Terranova e Labrador. Ademais, o bacallau, considerado o ouro del Atlántico, foi o alimento que propiciou asentamentos humanos e o desenvolvemento de importantes portos a ambos lados do océano.
Outro dos eixes de confluencia dos estudos multidisciplinares que contén a publicación -de autoría colectiva de especialistas españois e canadianos- é a sostenibilidade dos recursos pesqueiros, analizada desde a viabilidade da súa propia actividade. As reflexións sobre a territorialidade e a organización desta en torno aos mercados constitúen outros importantes núcleos temáticos da obra.
En síntese, os traballos que contén este libro conflúen na necesidade de operar mediante a sostenibilidade dos recursos pesqueiros, analizan a xestión que se está a levar a cabo nos nosos mares, tanto no ámbito de países ribereños como de augas internacionais, formulan vías de acción e atraen a atención sobre as repercusións humanas e os intentos de atopar novas vías.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2007.