Pasar al contenido principal
STG

As tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación conmemoran o Día de Internet en Galicia cunhas xornadas sobre estratexias TIC e de Sociedade da Información

Será o día 15 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC

Articuladas en dous bloques temáticos, nos que se afondará sobre as estratexias que en materia TIC están a desenvolver as universidades galegas e españolas e sobre o desenvolvemento rexional da Sociedade da Información, as tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación e Industria organizan as xornadas ‘Estratexias TIC e de Sociedade da Información en Galicia’. Trátase dun dos actos centrais organizados co gallo da celebración do Día de Internet en Galicia, o vindeiro martes 15 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
Esta xornada, que inaugurarán de xeito oficial o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, e o reitor da USC, Senén Barro, pretende propiciar, coa axuda das tecnoloxías dixitais, a participación de todos os galegos nunha reflexión colectiva sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e das comunicacións achegan para a normalización da lingua galega, a difusión e enriquecemento da cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galicia.
Baixo o lema ‘+Internet+Galego+Futuro’ esta edición do Día de Internet en Galicia quere focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñibles en lingua galega na rede e que abranguerían un catálogo no que teñen cabida a creación artística, a presentación de políticas e servizos públicos, pasando por bases de datos, xestións en liña ou ferramentas telemáticas para a relación coa administración, as empresas ou as organizacións sociais.
As xornadasAs distintas intervencións previstas no programa das xornadas impartiranas representantes das tres universidades galegas, da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), da administración autonómica galega e das de Asturias, Andalucía e o País Vasco.
No transcurso do encontro realizarase un percorrido polas distintas estratexias que as universidades galegas están a desenvolver no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e analizarase a situación destas tecnoloxías no contexto do Sistema Universitario Español. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre este tema coa participación de representantes da administración autonómica.
O programa das xornadas tamén inclúe un espazo específico para o desenvolvemento rexional da Sociedade da Información no que se abordarán iniciativas locais, como o proxecto SINDUR, e experiencias particulares das comunidades andaluza, asturiana vasca e galega.
Mesa redonda ‘Galicia vs. Irlanda’O investigador da USC Carlos Macías e o profesor de Xeografía Humana da universidade compostelá, Carlos Ferrás, xunto ao catedrático da Universidade de Cork (Irlanda), Patrick O’Flanagan, participan o vindeiro luns 14 na mesa redonda ‘Galicia vs. Irlanda. Cambio económico e desenvolvemento da Sociedade da Información’, actividade tamén incluída na programación do Día de Internet en Galicia. A sesión celebrarase a partir das 13:00 horas no hotel Puerta del Camino.
Esta actividade está organizada polo Colexio Oficial de Telecomunicacións de Galicia xunto coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, coincidindo coa celebración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2007, do Día de Internet en España e co Día das Letras Galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.05.2007.