Pasar al contenido principal
STG

O reitor da USC e o conselleiro de Innovación inauguran as xornadas 'Estratexias TIC e de Sociedade da Información en Galicia', organizada co gallo do Día de Internet en Galicia

Será o día 15 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, promovidas polas tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Fernando Blanco, inaugurarán este martes, día 15, as xornadas ‘Estratexias TIC e de Sociedade da Información en Galicia’, organizadas conxuntamente polas tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación co gallo da celebración do Día de Internet en Galicia 2007. A inauguración oficial deste encontro celebrarase a partir das 9:45 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
Articuladas en dous bloques temáticos, nos que se afondará sobre as estratexias que en materia TIC están a desenvolver as universidades galegas e españolas e sobre o desenvolvemento rexional da Sociedade da Información, estas xornadas son un dos actos centrais organizados co gallo da celebración do Día de Internet en Galicia.
Esta xornada pretende propiciar, coa axuda das tecnoloxías dixitais, a participación de todos os galegos nunha reflexión colectiva sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e das comunicacións achegan para a normalización da lingua galega, a difusión e enriquecemento da cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galicia.
Baixo o lema ‘+Internet+Galego+Futuro’ esta edición do Día de Internet en Galicia quere focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñibles en lingua galega na rede e que abranguerían un catálogo no que teñen cabida a creación artística, a presentación de políticas e servizos públicos, pasando por bases de datos, xestións en liña ou ferramentas telemáticas para a relación coa administración, as empresas ou as organizacións sociais.
As xornadasAs distintas intervencións previstas no programa das xornadas impartiranas representantes das tres universidades galegas, da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), da administración autonómica galega e das de Asturias, Andalucía e o País Vasco.
No transcurso do encontro realizarase un percorrido polas distintas estratexias que as universidades galegas están a desenvolver no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e analizarase a situación destas tecnoloxías no contexto do Sistema Universitario Español. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre este tema coa participación de representantes da administración autonómica.
O programa das xornadas tamén inclúe un espazo específico para o desenvolvemento rexional da Sociedade da Información no que se abordarán iniciativas locais, como o proxecto SINDUR, e experiencias particulares das comunidades andaluza, asturiana vasca e galega.
Logo da inauguración oficial do encontro, a partir das 10:00 horas comezará o programa académico co desenvolvemento do bloque temático dedicado a ‘TIC e universidades. Estratexias’. A quenda de intervencións comezará coa participación do vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade da Universidade de Vigo, Anxo Manuel Sánchez Bermúdez; do director do Servizo de Informática e Comunicacións da Universidade da Coruña, Jesús Salceda Sánchez; e do director da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC, Javier Franco Tubío. Xa a partir das 12:00 horas, presentarase o estudo ‘As TIC no Sistema Universitario Español’, nunha sesión na que participarán os coordinadores do documento, o director do Servizo de TIC da Universidade de Almería, Antonio Fernández Martínez; a profesora da USC, Sara Fernández López; e o secretario executivo do Grupo TIC da CRUE, Javier Franco. A xornada matinal rematará coa celebración dunha mesa redonda sobre os temas abordados que moderará o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario Galego, Rogelio Conde Pumpido.
O programa previsto para a tarde estará dedicado ao ‘Desenvolvemento rexional da Sociedade da Información’. O primeiro en intervir, a partir das 16:30 horas, será o director do Grupo de Investigación Socioterritorial GIST-USC e director da Fundación CEER, Carlos Ferrás Sexto, co relatorio ‘Iniciativas locais: proxecto SINDUR’. Deseguido, celebrarase unha redonda sobre as experiencias realizadas por diversas comunidades autónomas. Moderada pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela Martínez, nela intervirán o director xeral de Infraestruturas e Servizos Tecnolóxicos da Xunta de Andalucía, Juan Carlos Expósito; a directora xeral de Informática do Principado de Asturias, María América Álvarez González; Elena Gutiérrez Pérez del Notario, da Dirección de Innovación e Sociedade da Información do goberno vasco; e o asesor do conselleiro de Innovación e Industrial da Xunta de Galicia para a Sociedade da Información. O encontro clausurarase oficialmente nun acto a celebrar a partir das 19:30 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.05.2007.