Pasar al contenido principal
STG

O Grupo de Música Antiga Martín Códax ofrece o terceiro concerto do ciclo Música na Compañía

Grupo de Música Antiga Martín Códax
Grupo de Música Antiga Martín Códax
Co programa 'Que eu sei miut' amar. O amor cortés na Europa Medieval', o recital terá lugar ás 20:30 horas na Igrexa Universitaria

O Grupo de Música Antiga Martín Códax ofrece este mércores, día 23, o terceiro concerto do ciclo Música na Compañía que organiza a Vicerreitoría de Cultura. No recital, que terá lugar ás 20:30 horas na Igrexa Universitaria, interpretarán o programa ‘Que eu sei miut' amar. O amor cortés na Europa Medieval’ no que Martín Códax propón un percorrido pola poesía amorosa na Europa Medieval: os trobadores provenzais Giraut de Bornelh ou Bernart de Ventadorn, xunto con algúns dos grandes poetas da lírica galego-portuguesa na que se inclúe a Don Denis, rei de Portugal, ademais dun bloque de cantigas escritas en loor da virxe, representación do amor divino, de Afonso X O Sabio.
O grupo de Música Antiga Martín Códax leva xa máis de dez anos dedicado ao estudo e interpretación da música escrita dende a Idade Media ata o Renacemento, especialmente dos séculos XII, XIII e XIV. O nome do grupo rende homenaxe a un dos máis importantes representantes da lírica galaico-portuguesa, o trobador vigués Martín Códax, e son as súas sete cantigas, parte do repertorio interpretado polo grupo.
O grupo participou en numerosos ciclos e festivais, tanto en Galicia coma no resto de Europa, Festival Intercéltigo de Cangas, Festa da Istoria de Ribadavia, Música Antiga nas Rúas de Compostela, Ciclo de Concertos no Museo de Belas Artes da Coruña, Festival de Música Antiga de Palma de Mallorca, Festival de Música de Palencia, Conmemoración do X aniversario da declaración de Cuenca como Patrimonio da Humanidade, Auditorio Nacional de Madrid, Instituto Cervantes de Roma...
En 2000, Martín Códax colabora co gaiteiro Carlos Núñez nun proxecto para recrear a música medieval con instrumentos do Pórtico da Gloria e ofrece dous concertos na praza de María Pita na Coruña e no auditorio de Castrelos en Vigo. O 25 de xullo de 2001 interpreta un programa de música medieval con motivo da entrega pola Xunta de Galicia dos Premios Castelao e en decembro de 2001 a Radio Galega dedícalle un programa especial emitido en directo. Ademais, colaborou coas editoriais galegas Galaxia e Xerais na difusión da literatura medieval.
Froito da súa traxectoria de máis de dez anos son os seus catro álbumes Por que trovar é cousa en que iaz..., Herru Sanctiagu, O viño da vida e Devotio o máis recente, gravado para o selo Cantus en 2005.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2007.