O Certame de Fotografía 150 Aniversario da Facultade de Farmacia entregou os seus premios ás mellores instantáneas recibidas a concurso
Os premios correspondentes ao Certame de Fotografía 150 Aniversario da Facultade de Farmacia entregáronse este xoves, día 11, no transcurso dun acto celebrado no Salón de Graos da Facultade de Farmacia.
A concurso presentáronse 59 fotografías de entre as que o xurado seleccionou 30 que compuxeron a exposición celebrada entre os pasados meses de maio e xuño. Do total de obras, o xurado concedeulle o primeiro premio, dotado con 750 euros, á fotografía Camino de Pamukkale de Roberto González Berdini, da Coruña; o segundo, con 500 euros, a Gatos callejeros 2 de José Ramón Moreno Fernández, de Zaragoza; e un terceiro premio, de entre as fotografías presentadas polos integrantes ou licenciados pola Facultade de Farmacia da USC e dotado con 250 euros, que recaeu na imaxe Que ben, isto non ardeu, presentada por Manuel Campos Toimil.
O xurado, atendendo a criterios de calidade fotográfica e interese etnográfico, outorgou tamén unha mención especial dotada cun diploma e obsequio conmemorativo á instantánea Pisac, presentada por Javier Pedro Fernández Ferreras, de Berango.
Certame VirtualA exposición cos traballos seleccionados inclúe ademais as fotografías presentadas ao certame virtual e premiadas polo público de entre un total de 177 obras. Nesta categoría o premio correspondeu á fotografía Alba, presentada por María Castellanos Vicente, de Xixón. Aínda que nesta modalidade unicamente estaba previsto un premio único de 250 euros e dada a calidade dos traballos presentados, a Comisión Organizadora acordou conceder un accésit á obra Mans do avó, que presentou Manuel Pombo Garazo, de Santiago de Compostela.